EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

27 produtores, galegos e portugueses, participan no Salón de Produtos Tradicionais, no Barco

Unha gran variedade de produtos como viños, conservas, mel, bicas, aceite, queixos, licores e embutidos poderán mercarse durante toda a fin de semana

 

Un total de 27 produtores galegos e portugueses (un 35% máis que o ano pasado), participan este ano na III edición da Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal que dende esta mañá de sábado e ata pasadas as nove da tarde de mañá (en horario de 11 a 14 e de 17 a 21 horas) estará aberta na praia fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras, cun programa de actividades deseñado para promocionar e vender produtos tradicionais galegos e portugueses.

 

O alcalde do Barco e o concelleiro de Comercio, na Inauguración da feira.

 

A inauguración oficial da feira corría por conta do concelleiro de Turismo e Promoción Económica Eladio Santos quen aseguraba que está é unha mostra internacional e de referencia “con produtores de toda Galicia e Norte de Portugal que traen produtos da máxima calidade con elaboración artesana”. Santos definiu o espazo como “un lugar de encontro entre o consumidor que quere desfrutar do produto de calidade e de proximidade e que non se atopa facilmente e os propios produtores, sen intermediarios, algo moi importante para manter a calidade e os prezos interesantes”, dixo destacando que hai un pouco de todo. “Temos conservas, mel, doces, licores, viños, embutidos, cogomelos,… unha gran variedade de produtos para desgustar”.

 

 

Pechando o acto, tamén o alcalde convidaba á poboación a achegarse ata o recinto feiral, reivindicando unha vez máis o rural. García asegurou que é imprescindible “rachar de forma evidente e rotunda” co despoboamento que esta sufrindo o interior de Galicia especialmente, destacando que hai que vivir no rural pero sobre todo e máis importante, que hai que vivir do rural e que é posible facelo. “Non pode volver a pasar o de hai dous anos coa pandemia, onde nos atopamos con falta de produtos por non haber produción propia”, dixo, defendendo o labor da xente que si o fai. “Todos os produtores que están aquí demostran día a día co seu traballo e coa elaboración dos seus produtos, que se pode vivir do rural, vivir ben e cunha gran calidade de vida”.

 

 

Ao acto inaugural asistía tamén Tiago Bessa, en representación do gabinete de Presidencia do Municipio de Vila Flor (Trás-os-Montes, norte de Portugal), localidade que participan na feira con cinco produtores. Durante o precorrido pola mostra, Bessa explicou que Vila Flor xa veu nas anteriores edicións apostando por ela e por outras feiras que se veñen realizando tanto en Portugal como en España. “É moi importante para nós estar presentes aquí, para dar a coñecer o municipio de Vila Flor e poder, ter este intercambio”, dixo, destacando tamén a colaboración que manteñen co alcalde do Barco. “Esperamos que Vila Flor sexa máis coñecido e poidamos ter máis visitantes nos vindeiros anos”, concluía.

 

Tiago Bessa, do gabinete de Presidencia do Municipio de Vila Flor (Portugal).

 

Entre os produtos que se poden degustar no Malecón atópanse as conservas da Mariña Central, mel da Serra da Enciña da Lastra, queixo artesanal da comarca da Limia, aceite de Tras-osmontes, setas shiitake ecolóxicas do Macizo central, cervexa artesá de Pontevedra, viño de Valdeorras e de Mirandela, embutidos de Galicia e Portugal, castañas da Cabeza Grande de Manzaneda, e moitos produtos máis que farán as delicias do padal do público asistente á feira. Tamén se porán a venda produtos de pastelería, como natas e doces tradicionais portugueses, bicas de castañas do oriente ourensán, cosmética natural de Cea e conservas do Norte de Galicia.

 

 

Actividades complentarias

A feira conta tamén cun amplo programa de actividades paralelas, con inscrición previa e prazas limitadas. Entre elas, obradoiros infantís de pintura e repostería e “Catas no Sil”, con degustación de produtos da feira, así como un showcooking en harmonía con viños de Valdeorras.

Hoxe, os obradoiros infantís de pintura (as 12 e ás 18 horas) estarán a cargo de “Deica Creacións”, artesán de Galicia, e o obradoiro de repostería (ás 19 horas) será dirixido pola valdeorresa “El mundo de Tara”. Mañá, domingo día 11 ás 12 horas haberá unha degustación de produtos da feira, que dirixirá Cecilia Fernández, enóloga e xerente da “Viñoteca CF”.

Mañá tamén haberá o showcooking “Maridaxe”, desenvolvido a partir das 19,30 horas, pola barquense Noelia Fernández Rey, xefa de cociña do Restaurante “La Tasquería” de Madrid en harmonía con viños de Valdeorras, nunha cata dirixida por Jorge Mazaira, director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button