EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

27 viños valdeorreses poden degustarse estes días na feira alemá Prowein 2024

Stand o C.R.D.O. Valdeorras en Prowein.

 

A cidade alemá de Düsseldorf é a nova parada promocional dos viños de Valdeorras, que estes días poden degustarse nunha das máis prestixiosas feiras europeas do sector, Prowein. Un ano máis, o Consello Regulador volve participar neste foro dando a coñecer ata 27 referencias diferentes da comarca, 19 brancas e oito tintas.

Prowein é un dos salóns europeos con máis arraigo no continente para a promoción de viños de diferentes territorios amparados. A pasada edición desta feira, celebrada no ano 2023, contou con máis de 49.000 visitantes e a organización prevé aumentar a cifra neste ano.

O C.R.D.O. Valdeorras participa nesta feira da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto a outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas e “baixo o formato dun túnel do viño”, tal e como indica o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos.

 

Visita do conselleiro do Medio Rural ao stand do C.R.D.O. Valdeorras.

 

Máis de 6.000 expositores participarán neste salón no que a D.O. Valdeorras terá presenza cun túnel do viño de seu, no que diferentes grupos de interese e públicos especializados poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis sobranceiras da comarca.

“Tras a nosa participación en Vinexpo, na capital de Francia, achegámonos un ano máis ata Alemaña, parada obrigatoria para todo o sector do viño europeo. A nosa intención de promocionar os brancos e tintos da comarca, máis alá das nosas fronteiras, é un dos obxectivos prioritarios para o Consello Regulador que, neste 2024, ten planificada unha intensa axenda de difusión en distintos foros nacionais e internacionais”, conclúe Rodríguez Castellanos.

Artigos relacionados

Back to top button