OurenseÚltima hora

Constitúese a Comisión de modernización, participación cidadá e calidade da FEMP

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, preside a xunta establecida en Madrid
Constitución da Comisión de modernización, participación cidadá e calidade da FEMP, en Madrid.
Constitución da Comisión de modernización, participación cidadá e calidade da FEMP, en Madrid.

Na mañá do 3 de marzo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, presidía a Comisión de modernización, participación cidadá e calidade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrada en Madrid. Nesta primeira reunión, na que o rexedor estreaba cargo, constituíuse o grupo de traballo e presentáronse os novos membros. Jordi Ballart Pastor, alcalde de Terrassa, será o vicepresidente da Comisión que terá un total de 23 vogais de diferentes concellos da xeografía española.

Na reunión, Jesús Vázquez aseguraba que este órgano da FEMP está definido para “promover accións para que as entidades locais sexan administracións útiles, necesarias, competitivas, solventes, que dean solucións ás necesidades sociais e favorezan a participación cidadá”. A Comisión busca, igualmente, o apoio e difusión das experiencias dos concellos membros, impulsar o banco de boas prácticas na adaptación das normas de xestión das institucións públicas, desenvolver convenios ou promover actividades de sensibilización e formación nas súas materias propias (modernización, participación cidadá e calidade).

Entre os compromisos deste organismo dependente da FEMP están os da representación institucional e desenvolvemento dos convenios vixentes. No primeiro dos casos, terá un escano na Asemblea da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), cargo que ocupará o alcalde de Ourense como presidente da Comisión. No apartado dos convenios, corresponderalle ao grupo de traballo seguir coa avaliación das políticas públicas e a calidade dos servizos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, traballar man a man co Ministerio de Política Territorial para potenciar a redución das cargas administrativas nas entidades locais ou elaborar un manual de xestión de calidade baseado nos principios do bo goberno e que evite riscos de incumprimentos normativos.

A seguintes reunións celebraranse o 10 de maio, o 13 de setembro e o 15 de novembro do presente ano.

Artigos relacionados

Back to top button