EconomíaEconomíaÚltima hora

2ª Feira de gando no Toural de Castro Caldelas, o 18 de agosto

Ademais ese mesmo día abrirase o Centro de desinfección e desinsección do Concello

 

Na xornada do 18 de agosto o Toural de Castro Caldelas acollerá a segunda feira de compra-venda de gando e, ao mesmo tempo, está prevista a apertura definitiva do Centro de desinfección e desinsección do Concello, que permanecía pechado dende hai 15 anos. “Abrimos de xeito definitivo este centro para dar servizo a todos os gandeiros que, para poder trasladar as súas reses, debían desprazarse a Xunqueira cos seus remolques e, unha vez trasladadas as reses, volver de novo a desinfectar e desinsectar. Isto supón un custo engadido para eles, por iso nos fixemos eco desta demanda”, explica a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

Así mesmo, a rexedora asegura que esta comarca caldelá “é a maior produtora de carne de vacún e por iso fixemos este investimento e imos prestar este servizo tan necesario. Para iso nun principio intentamos que Medio Rural actualizara o centro, pero tras dous anos, e dado que nos comunicaron que non asumirían o importe das actualizacións, o Concello decidiu solicitar a desafectación da instalación e acometer as obras de reforma para adaptarse á normativa actual. Recepcionada a propiedade deste centro, no Concello levamos a cabo as obras e acadamos as autorizacións pertinentes para abrir de xeito definitivo esta necesaria instalación”.

 

 

Este centro abre os martes e venres de 12h. a 14h. con cita previa telefónica. Pero para a feira do día 18 de agosto o centro estará aberto mañá xovés 17 de agosto de 16h. a 19h. para desinfectar e desinsectar remolques e camións de xeito gratuíto, sendo obrigatorio que os remolques ou camións veñan lavados.

“Na reunión mantida cos gandeiros, unha vez que o setembro pasado se recuperou a XXV Feira-Concurso exposición de gando, dacordo con eles, deciciuse fase 3/4 feiras de gando neste ano, máis a feira concurso-exposición o 10 de setembro”, indica a alcaldesa de Castro Caldelas.

Así na vindeira feira do 18 de agosto haberá venda de gando e asistencia de tratantes e no recinto feiral disporase de posto de pulpo e carne á brasa e ao caldeiro para que poidan xantar as persoas que o desexen.

 

Artigos relacionados

Back to top button