OurenseÚltima hora

2º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, os días 16 e 17 de decembro en Expourense

Celebrarase en formato híbrido (presencial e virtual) e contará coa participación dunha trintena de expertos de España e Portugal

Pista atlética en Expourense.

 

Analizar as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo, compartir protocolos de seguridade e boas prácticas ou aproveitar as oportunidades que os cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro abriron para estes sectores. Estes serán os obxectivos do 2º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo que se celebrará os días 16 e 17 de decembro en formato híbrido, podendo seguirse presencialmente desde Expourense ou de forma virtual.

Na mañá deste xoves día 3, o comité de expertos que cada ano colabora con Sportur Galicia presentou o programa previsto de conferencias deste Congreso. Participaron neste encontro virtual unha vintena de expertos en turismo activo e deporte, entre os que se atopaban representantes das distintas administracións, federacións deportivas e empresas do sector. Dirixida pola directora adxunta de Expourense, Emma González, esta reunión contou coa participación do presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Fernández Pardal; do asesor do gabinete da Secretaría Xeral para ou Deporte, Javier Rico; do xefe da área provincial de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; do asesor de proxectos estratéxicos da Deputación de Ourense, Bernardino González; do concelleiro de Turismo de Ourense, Telmo Ucha; e a vicerreitora do Campus de Ourense-Universidade de Vigo, Esther de Blas; do xefe de Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, e do xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González. Participaron tamén representantes de empresas como o Grupo Caldaria ou Mariñas de Galicia e de distintas asociacións e federacións galegas como a Asociación Galega de Empresas de Turismo activo (AGETAN), a de Vela, a de Espeleología, a de Kickboxing, ademais da Federación Limiar.

O Congreso Ibérico de Turismo Deportivo está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense. Trátase dun evento dirixido aos profesionais do sector como poden ser as Administracións públicas con competencia en deporte ou en turismo; federacións deportivas; Pemes e autónomos do sector do deporte e do turismo; axencias de viaxes; clubs e empresas do deporte e do alumnado e profesorado de ensinanzas deportivas ou turísticas.

A asistencia, física ou online, é de carácter gratuíto pero necesita inscrición previa a través da web http://congresoturismodeportivo.com/

Artigos relacionados

Back to top button