Dúas pratas, nas distancia longa e sprint, respectivamente; e un bronce na distancia media, na categoría júnior masculina. Son os resultados cos que o orientador valdeorrés Marcos Álvarez González, membro do Club Peña Trevinca Barco regresaba do campionato de España de O-BTT celebrado esta fin de semana en Valencia.
Tal como explican dende a delegación ourensá da Federación Galega de Orientación, a proba longa tivo unha distancia de 20,6 quilómetros, 400 metros de desnível positivo e 19 puntos de control a localizar no altiplano da comarca Requena-Utiel, onde Galicia logrou por segundo ano consecutivo o primeiro posto por autonomías.
Os resultados de Marcos (concentrado este ano no CGTD de Pontevedra) confirman o seu bo estado, sendo “un firme candidato a concorrer coa selección española ao vindeiro mundial júnior e absoluto da especialidade, que se celebrará na última fin de semana de xullo no país veciño”, din dende a FEGADO.
A próxima cita será o campionato Ibérico desta disciplina, que se celebrará en maio en Portugal.
Fotos cedidas pola delegación ourensá da FEGADO.