
O Entroido 2023 celebrarase no Barco de Valdeorras do 20 ao 22 de febreiro en torno a tres citas: a festa infantil o luns no pavillón vello; o desfile de comparsas o martes a partir das cinco e media co baile ao rematar na praza Maior; e o enterro da sardiña o mércores a partir das 20:30 horas polas rúas do casco vello.
Con respecto ao desfile, as inscricións para participar estarán abertas dende mañá, 31 de xaneiro e poden facerse de xeito presencial, nas oficinas do Centro Comercial Aberto, ou por correo electrónico mandando un mail a: cultura@concellodobarco.org.
Segundo as bases, poderán participar comparsas de 10 ou máis persoas. As comparsas deberán fomar parte, en todo o seu percorrido, do desfile que terá lugar o martes día 21 de febreiro de 2023 a partir das 17:30 horas e que, partindo da avenida Conde de Fenosa, percorrerá varias rúas do Barco rematando na praza Maior. As comparsas deberán estar no lugar de saída como mínimo media hora antes de comezar o desfile para facilitar á organización a súa colocación e desfilarán con música ou ruído (chifres, cornetas, etc.) e cunha pequena coreografía ou en fileiras e ordenadamente durante todo o percorrido coa finalidade de que o desfile quede o máis lucido posible.

Deberán inscribirse ata as 12 horas do día 17 de febreiro facendo constar os seguintes datos: Nome e apelidos, DNI, e-mail, teléfono e sinatura da persoa que fai a inscrición, Nome da comparsa e número de compoñentes da mesma.Cada comparsa inscrita deberá levar en lugar visible o seu número de inscrición, no momento do desfile, para facilitar a súa identificación ao xurado que se encargará de comprobar en varios puntos do percorrido que os datos contidos na inscrición se axustan á realidade.
Establécense os seguintes premios:
– comparsas de 10 e 20 persoas 150 euros.
– comparsas de 21 a 30 persoas 200 euros.
– comparsas de 31 a 40 persoas 250 euros.
– comparas de 41 persoas en diante 295 euros.