En portadaÚltima hora

4.000 persoas serán convocadas esta semana para cribados de Covid en Valdeorras

O mércores citaranse a 1.500 veciños e veciñas de A Rúa e Vilamartín e este xoves a 2.500 de O Barco de Valdeorras

Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizará esta semana un cribado poboacional selectivo aleatorio a 4.000 persoas dos concellos da Rúa, Vilamartín e O Barco de Valdeorras na procura de detectar casos asintomáticos e coñecer mellor a situación epidemiolóxica destes concellos, onde nos últimos días se veñen incrementando as taxas de incidencia.

“O Barco de Valdeorras ten a día de hoxe 56 casos activos, A Rúa 18 e Vilamartín de Valdeorras 12. Se ben non supón un alto número de casos, preocupa a suba nas taxas, que se incrementaron significativamente na última semana nos tres concellos, pasando de 216,5 casos por 100.000 habitantes a 410.6 no Barco; 162.3 a 440,4 na Rúa e de 446,9 a 558.7 polo que desde as autoridades sanitarias optan por actuar preventivamente”, segundo se indica dende a área sanitaria ourensá.

Tanto na Rúa como en Vilamartín 1.500 veciños e veciñas maiores de 18 anos serán convocados por SMS, nas próximas horas, para acudir a un cribado aleatorio, mediante test de antíxenos, que terá lugar este mércores, día 3 de febreiro pola tarde, no Pavillón Deportivo de O Aguillón, na Rúa, que xa acolleu o cribado realizado o 13 de decembro.

Pola súa banda o xoves día 4, tamén pola tarde, serán convocados 2.500 banquenses, tamén maiores de 18 anos, no Pavillón de Calabagueiros. O sistema elixido para esta mostraxe será tamén mediante test de antíxenos, co que os resultados se coñecerán ao momento.

Como vén sendo habitual estes cribados masivos que se están a suceder na provincia, a proba será voluntaria, non si, as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as convocadas que participen, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.

Recoméndase asemade seguir as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, ou non facelo de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou gardando corentena á espera do resultado dunha proba.

Citación por SMS

A citación, realizarase nas próximas horas a través dunha mensaxe de SMS, na que se indica a hora e lugar ao que deben acudir. A mensaxe enviarase ao teléfono que consta na ficha de cada usuario, polo que, novamente, o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, comprobando estar dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.

Igualmente prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outras vías

Artigos relacionados

Back to top button