SanidadeÚltima hora

4 millóns de euros para construír un novo edificio de Urxencias e PAC no Hospital de Verín

Así o vén de anunciar o presidente do goberno galego tras o Consello da Xunta celebrado este xoves

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, antes de iniciar a rolda de prensa tras o Consello da Xunta deste xoves.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba en rolda de prensa, tras o Consello da Xunta deste xoves, o investimento de 4 millóns de euros para construír un novo edificio de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC) do Hospital de Verín. Ademais engadiu que tamén se realizarán actuacións de eficiencia enerxética na totalidade do centro hospitalario.

O novo edificio, que terá unha superficie de case 1.500 metros cadrados, contará cunha área clínica cunha zona de control de enfermería e sala de traballo de médicos con supervisión directa sobre as salas de observación e os 6 boxes. E, na zona do PAC disporanse dúas consultas médicas e unha de enfermería. A maiores, haberá unha consulta para casos sospeitosos de enfermidades infecciosas.

 

 

No tocante ás melloras para incrementar a eficiencia enerxética en todo o centro, Feijóo explicou que se impermeabilizarán as cubertas do antigo edificio e se instalarán 620 paneis fotovoltaicos para subministrar enerxía a todo o conxunto do hospital. Ademais, incrementaranse as prazas de aparcadoiro, que pasarán das 167 actuais a máis de 200.

 

Artigos relacionados

Back to top button