OurenseÚltima hora

400 coches a prezos especiais no 5º Car Outlet Ourense, do 14 ao 16 de abril en Expourense

 

Entre o 14 e o 16 de abril, Expourense acollerá o V Car Outlet Ourense que ofrecerá as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais. Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, que reunirá a un total de 24 marcas representadas a través de 15 concesionarios asociados.

Trátase dunha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán máis de 400 coches con ofertas moi especiais. O obxectivo desta cita é “cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo”, aseguran dende Expourense. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.

 

 

A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 5 anos. A situación actual do mercado do automóbil novo (suba impostos matriculación, dúbidas sobre qué tipo de motorización elixir, crises de componentes electrónicos, ruptura da cadea de subministros…) que contempla tempos de espera prolongados para recibir o coche novo, conleva que o mercado de ocasión sexa a mellor opción para quen precise cambiar de automóbil dun xeito rápido e cómodo.

O V Car Outlet de Ourense presenta a mellor oferta en Galicia en vehículos de ocasión, seminovos, xerencia e kilómetro cero que contan con inmellorables condicións, xa non só no prezo, senón tamén de financiamento, seguros ou outros servizos engadidos, e, por suposto, coa garantía e solvencia que ofrecen os concesionarios oficiais. Ademais, este tipo de vehículos véndense con entrega inmediata. Ofrece numerosos vehículos que representan os catro eixos do mercado de ocasión: os kilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); vehículos de servizo (demostración ou cortesía) con antigüidade de ata 1 ano e con 15.000 kilómetros de media; seminovos (ata 5 anos de froito de renting empresarial ou operacións financeiras con garantía de recompra); e o de ocasión (que foi empregado por un particular e entregado no concesionario a cambio doutro).

 

 

Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos). As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.

A evento era presentado na mañá deste luns 10 de abril nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o presidente de A.C.A.U.TO. Ramón Seijas, que estivo acompañado por boa parte da directiva da Asociación.

 

 

O horario de apertura do salón será venres 14 de abril de 11 a 20:30 horas, sábado 15 de 10 a 20:30 horas e o domingo 16 de abril de 11 a 20 horas. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

As marcas representadas no V Car Outlet Ourense son: Abrath, Audi, BMW, Citroën, Cupra, Dacia, Fiat, Ford, Hyundai, Jeep, KIA, Mazda, Mercedes, MG, Nissan, Mercedes, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volkswagen e Volvo.

 

Artigos relacionados

Back to top button