OurenseÚltima hora

50 expositores e máis de 70 actividades entre exhibicións e adestramentos, en Sportur Galicia

O V Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase os días 24 e 25 de novembro en Expourense

Presentación de Sportur.

 

Os días 24 e 25 de novembro Expourense acoller umha dobre cita vencellada co turismo activo e deportivo que analizará o papel do deporte como motivación turística que ademais contribúe á desestacionalización e achega visitantes de proximidade. Por un lado celebrarase a quinta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, e polo outro celebrarase o III Congreso Internacional de Turismo Deportivo. Estas dúas citas complementarias promocionarán a Galicia como un destino atractivo e competitivo para o turismo deportivo e convocarán a profesionais de toda a Península.

Estes dous eventos foron presentados esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o director deportivo de Expourense, Mario González.

III Congreso Internacional de Turismo Deportivo

O III Congreso Internacional de Turismo Deportivo contará coa participación de 21 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.

 

Asistentes á presentación de Sportur.

 

Neste congreso analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar posibles vías de crecemento neste sector económico e de emprego tan significativo como é o do turismo vinculado ao deporte, despois do grande impacto que tivo a pandemia no sector. Cómpre lembrar que o sector deportivo xera na actualidade en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de mil seiscentos millóns de euros (1.600 M €).

Este congreso analizará ademais algúns deportes concretos e a súa influencia no turismo como o golf, o cicloturismo, ou o surf. Sobre este último, presentarase o caso práctico do “Surf Life Saving Australia” e analizará se é un modelo exportable a Europa. Como caso de éxito galego presentarase a proba ciclista “O Gran Camiño”.

A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición a través da web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo. Neste momento, supéranse xa os 500 inscritos nas dúas modalidades contando con asistentes de distintos países de América Latina, ademais de toda España e Portugal. As prazas para seguilo de xeito presencial están esgotadas polo que só está disponible agora a incrición en liña. Destaca tamén a participación de varios centros de Formación Profesional de Galicia con ciclos vencellados ao Deporte que desprazarán aos seus alumnos ata Expourense para seguir o congreso ou que o seguirán en liña dende as súas aulas durante as horas lectivas.

 

 

Sportur Galicia

O V Salón do Deporte e Turismo Activo convoca a medio cento de participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer as opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que máis da metade dos expositores son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes.

Sportur Galicia 2022 volverá ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa con máis de 70 actividades.

As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. A entrada é gratuít e o horario de feira será o mesmo durante os dous días: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

 

Artigos relacionados

Back to top button