ConcellosÚltima horaVerín

50 maiores participan en Verín nos cursos do proxecto “Doantes de Sabedoría”

Curso do proxecto “Doantes de Sabidoría”.

 

Un total de cincuenta alumnos e alumnas sénior participan no curso de “Manexo de Teléfonos Móbiles para Persoas Maiores”. Que está enmarcado no proxecto municipal “Doantes de Sabedoría”. Esta iniciativa ten como obxectivo enriquecer a vida das persoas maiores da comunidade, dotándoas das habilidades e coñecementos necesarios para participar plenamente na era dixital e aproveitar ao máximo a tecnoloxía moderna.

Este curso foi deseñado baseándose nas necesidades reais das persoas maiores, co fin de revelar o potencial dos teléfonos móbiles na vida cotiá; tendo en conta que estes dispositivos convertéronse nunha ferramenta esencial para manter o contacto con familiares e amigos a través das redes sociais ou aplicacións de mensaxería instantánea como WhatsApp.

Segundo destacou a técnico responsable desta formación, Blanca López Mascareñas, o curso está a ter unha gran acollida por parte dos participantes, «os cales, entre, outras habilidades, xa aprenderon a instalar aplicacións (como a do SERGAS), xestionar e programar as súas propias citas médicas, así como habilitar nos seus dispositivos a imprescindible CHAVE 365 da Xunta de Galicia».

A concelleira responsable do área de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez, agradeceu a participación de todo o alumnado presente e quixo aproveitar a oportunidade para animalos a colaborar na iniciativa municipal “voluntariado sénior”. «Desta maneira», explicou Rodríguez, «poderán compartir os coñecementos adquiridos nestas completas formacións e contribuír de maneira activa a mellorar a calidade de vida das persoas maiores da nosa comarca».

O seguinte curso que se ofertará no marco do proxecto “Doantes de Sabedoría” ten como obxectivo reducir a brecha dixital e capacitar ás persoas maiores con habilidades clave para buscar información e utilizar a tecnoloxía de maneira efectiva. Está especialmente deseñado para aqueles que nunca tiveron contacto coa informática ou cuxos coñecementos nesta área son mínimos, dispersos ou erróneos.

Os interesados en inscribirse nesta formación poden acudir á Oficina de Xuventude/Consumo, situada na Casa da Xuventude, 1º piso. Ambas as actividades son organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil/Consumo e a Oficina de Atención aos Maiores, que forman parte do ámbito de Benestar Social do Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button