Galerías de fotosÚltima hora

A 54 Festa do Pulpo do Carballiño move masas

Unhas 70.000 persoas abarrotan a vila para degustar este produto

Unhas 70.000 persoas, 70 toneladas de pulpo, 150.000 racións e uns 60 pulpeiros. Esas son as cifras máis reseñables que deixou onte a 54 Festa do Pulpo do Carballiño. A vila ourensá volveu ser o lugar elixido para render homenaxe a un dos produtos da gastronomía galega por excelencia.

Sen embargo, esa superpoboación que se rexistrou onte non foi un dato puntual. Segundo explicou o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, a programación festiva que se levou a cabo durante a primeira quincena de agosto fixo que O Carballiño rozase o 100% da ocupación hoteleira, dato salientable para ser unha zona de interior.

Onte foi o “colofón final” a eses 15 días de festexos e as cifras rexistradas son o fiel reflexo do que alí se viviu. O Parque Municipal concentrou boa parte do ambiente festivo, co recinto oficial onde se serviu un completo menú para 1.500 comensais.

Pero tamén foi o lugar de reunión de milleiros de mozos que prolongaron a Festa das Camisetas celebrada o sabado anterior. Así, polas ladeiras da carballeira non era difícil atoparse a grupos de rapaces disfrutando dun xantar improvisado, alongando as copas e gozando da música e do entorno.

Logo, na sección das pulpeiras, onde estiveron 22 establecementos, os toldos enchíanse de familias que viñan disfrutar do prato estrela. Na vila tamén se degustou este prato, da man dunha trintena de pulpeiros ubicados estratexicamente para non deixar a ninguén sen ración.

Xa no recinto principal ubicado no parque, o xantar estivo composto por empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, postres típicos, pan de Cea e viño da bodega Pazo Tizón. A música popular non faltou, facendo que máis dun comensal deixase o prato de lado momentaneamente para arrincarse a cantar e a bailar.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-carballino-capital-pulpo-co-eixo-atlantico-no-corazon/

Artigos relacionados

Back to top button