CulturaCultura

O cinema do rural chega a Ourense da man do festival Internacional “Carlos Velo”

A Biblioteca Pública acollerá, os días 30 e 31 de marzo, a proxección dunha selección de curtametraxes gañadoras nas tres edicións do festival

O Festival Internacional de Cinema Rural Carlos Velo, organizado polos colectivos Arraianos e Leira Pop, chega a Ourense onde proxectará, na Biblioteca Pública da cidade, unha selección dos traballos premiados nas tres edicións do festival. O xoves 30 e o venres 31 de marzo levaranse a cabo as proxeccións grazas á colaboración entre o Cineclube Carlos Velo e o Cineclube Padre Feijóo.

Na primeira sesión (xoves 30), dende as 20:00 horas, os espectadores poderán ver as curtametraxes seguintes: “Minerita” de Raúl de la Fuente (España); “Aupa Delibes”, de Daniel Rivas Pacheco (España); “Whale Valley”, de Guðmundur Arnar Guðmundsson (Islandia e Dinamarca); “Por siempre jamón”, de Ruth Díaz (España) e “Som Pastor”, de Borja Zausen (España).

Nesta primeira sesión tamén teñen previsto a presentación da curtametraxe “Carlos Velo en México”, unha coprodución de Roberto López, discípulo de Velo, con Arraianos, Lareira Pop e FICCVelo, no que se recollen testemuñas da pegada de Carlos Velo en México.

Na segunda xornada, o venres, día 31, ás 19,00 horas terá lugar o II Encontro de Cinema Arraiano e, ás 20,00 horas, a proxección de “Cesteando”, de Plácido Romero e haberá unha charla coloquio con Toño do Val, protagonista deste traballo no que a súa historia persoal como cesteiro o leva cara os lindes da liberdade e autonomía persoal, o amor á terra e ás súas manifestacións culturais.

Cartel da proxección.

 

Artigos relacionados

Back to top button