A Unidade Militar de Emerxencias (UME) está a participar nas tarefas de extinción do incendio declarado no concello de Ribas de Sil (Lugo). Ata o municipio desprázase unha dotación de 63 militares, procedentes das bases de León e Figueirido, con vinte e seis medios, entre os que se atopan seis autobombas e equipos de recoñecemento.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, deu traslado da solicitude a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da UME á Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior, en coordinación co Ministerio de Defensa. Así mesmo, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, desprazouse esta tarde ata Ribas de Sil para coordinar a resposta do Executivo central coa Xunta de Galicia e co concello.
O delegado do Goberno lembrou a “colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra a lacra dos incendios forestais e fixo un chamamento a extremar as precaucións e minimizar o risco de propagación de lumes na época de escaseza de choivas”.
A estas tarefas tamén se suma o labor dos efectivos da Garda Civil que traballan para asegurar a protección dos veciños do lugar de Carballo de Lor, no concello de Quiroga (Lugo), dadas as condicións cambiantes do vento.
Medios aéreos e terrestres despregados polo MITECO
Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias engádense os medios despregados ao longo da xornada de hoxe polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción dos incendios forestais que afectan aos municipios de Ribas de Sil (Lugo) e de Chandrexa de Queixa (Ourense).
Para apoiar as tarefas de extinción en Ribas de Sil, o MITECO desprazou dúas Brigadas de Especialistas en Extinción (BRIF) cos seus catro helicópteros de transporte cunha capacidade de descarga de 1.200 litros. As brigadas chegaron dende as bases de Laza (Ourense) e Tabuyo del Monte (León).
Dende o aire, traballan na extinción catro avións anfibios Canadair con 5.500 litros de capacidade. Tres proceden da base de Labacolla (A Coruña) e o cuarto de Matacán (Salamanca). Tamén participa na extinción un avión anfibio Fire Boss de 3.100 litros de capacidade que despegou dende a base de Rosino (Zamora); un helicóptero bombardeiro Kamov, con capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias); dous avións de carga en terra da base de Xinzo de Limia (Ourense), cunha capacidade de 3.100 litros; e un avión de coordinación e observación (ACO) que se desprazou dende a base de León.
Por outra banda, ata Chandrexa de Queixa o MITECO trasladou dous avións de carga en terra con capacidade de 3.100 litros, que nestes momentos colaboran na extinción das lapas.