EconomíaEconomía

67 establecementos da provincia adheríronse á segunda convocatoria do bono turístico da Xunta

O delegado territorial, Gabriel Alén, puntualiza que "esta nova convocatoria permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno"

 

Un total de 67 establecementos da provincia de Ourense, case 900 en toda Galicia, adheríronse á segunda convocatoria do bono tarxeta turística da Xunta #QuedamosenGalicia, “unha iniciativa que busca dotar de liquidez ao sector e fomentar o turismo interno”. Así o explicaba o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na visita que realizaba na mañá deste mércores 21 abril, á casa rural Lar das Pías no concello de Xunqueira de Ambía.

Gabriel Alén destacou a boa resposta dos negocios do ramo e o enorme éxito que tivo esta segunda edición entre a cidadanía, que “esgotou as tarxetas nas primeiras horas tras abrir o prazo de solicitudes, na que se inscribiron empresas como hoteis, paradores, balnearios, cámpings, aloxamentos de turismo rural, vivendas turísticas, apartamentos ou pensións e axencias de viaxes, repartidos por toda a provincia”.

O delegado territorial precisou que a Xunta mobilizará máis de 6,8 millóns de euros este ano no marco do bono turístico co obxectivo de reactivar o consumo interno. Gabriel Alén apelou unha vez máis á necesidade de “unir esforzos en favor da recuperación económica no actual contexto”, polo que agradeceu a outras entidades provinciais, como á Deputación de Ourense, a súa “contribución e a súa achega a este proxecto que busca incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise do Covid-19”.

Abanca será a entidade colaboradora na xestión destas axudas, que se materializarán a través dunhas tarxetas nas que a Xunta asumirá o 60 % do importe e os beneficiarios o 40 %. A diferenza do ano pasado, as empresas que se adhiran á nova convocatoria –o prazo para facelo segue aberto ata finais de ano- non teñen que facer ningún desconto sobre as tarifas dos servizos ofertados.

 

Artigos relacionados

Back to top button