OurenseÚltima hora

80 pilotos participarán esta fin de semana no 54 Rallye de Ourense Recalvi

A presentación do evento automobilístico organizado pola Escudería Ourense tiña lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Presentación do 54 Rallye de Ourense./ Foto: Pepe Sampayo.

 

Tras meses de intenso traballo nos despachos, o 54 ROU Recalvi volverá ás estradas da provincia de Ourense os días 16 e 17 de xullo, cun esquema que regresa ás dúas xornadas e con algunha que outra novidade. Será a 5º carreira do S-CER (Supercampionato de España de Rallyes 2021), mixto (asfalto e terra), tralas carreiras de Sierra Morena, Tierras Altas de Lorca, Villa de Adeje e Terra da Auga, coa participación de 80 pilotos.

O parque pechado estará situado un ano máis no Posío, manténdose tamén a asistencia no seu emprazamento habitual, o recinto feiral de Expourense,salvo posibles cambios polas restricións provocadas pola pandemia. A primeira etapa celebrarase na tarde do venres, 16 de xullo, dende o Xardín do Posío, levando aos participantes a realizar dous tramos diferentes a dobre pasada: Amoeiro cun percorrido de 15,08 quilómetros e O Carballiño, tramo de 19,5 quilómetros, completando así na primeira xornada un total de 69,16 quilómetros cronometrados, dende as cinco da tarde ata a medianoite, aproximadamente.

Ao día seguinte, sábado 17 de xullo, os motores comezarán a soar xa ás 9:30 horas coa saída do Xardín do Posío rumbo ao primeiro dos tres tramos previstos para esa etapa: A Peroxa, de 15,35 quilómetros cronometrados, despois Toén, (15,13 km) e finalmente Allariz, a gran novidade deste ano, un tramo de 10 quilómetros nunca antes corrido no Rallye de Ourense. Coma na primeira etapa, os tres tramos serán a dobre pasada, ata completar un total de 80,96 quilómetros cronometrados. No último tramo, previsto para as cinco da tarde en Allariz, será o TC-Plus que outorga puntos adicionais aos tres primeiros clasificados.

 

Un momento da rolda de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel./ Foto: Pepe Sampayo.

 

O percorrido total do 54 Rallye de Ourense Recalvi é de 548,43 quilómetros dos cales 150 corresponden aos 10 tramos cronometrados (cinco diferentes) previstos, 30 máis que na edición de 2020 na que o ROU foi quen de demostrar que as carreiras podían celebrarse con total garantía de seguridade.  A proba finalizará no Xardín do Posío en torno ás seis da tarde do sábado, onde terá lugar a entrega de trofeos, aínda que está sen confirmar se haberá ou non cerimonias, tanto de clausura como de inauguración.

Con respecto ao shakedown (tramo de probas), repetirá no concello de Toén durante a mañá do venres, de 10 a 12 horas, sobre un tramo de pouco menos de 4 km e formato similar ao do ano pasado. O tramo de calificación, que definirá o orde de saída, será na mesma especial a partir das 12:15 horas e só cos pilotos prioritarios.

Este ano ademais o Rallye de Ourense lanza unha iniciativa que chega dende os campionatos internacionais: os test oficiais, non obrigatorios que se celebraban este luns 12 e marte 13 de xullo, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, para os equipos que quixeron rodar durante toda a xornada (ou soamente media), con todas as garantías de seguridade e permisos, pero sen crono e máis curtos (2 km en forma de bucle). Un será na Valenzá (Barbadás) e outro en Allariz.

 

 

A presentación desta edición do rallye tiña lugar no mediodía deste martes 13 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A proba, que terá na capital ourensá o seu centro neurálxico, disputarase nos concellos da Peroxa, Amoeiro, O Carballiño, Allariz e Toén e será puntuable, ademais dos Campionatos e Copas establecidos no artigo 1.7 do Regulamento Deportivo do S- CER 2021, para os seguintes certames: Copa Suzuki Swift, Copa Renault ClioTrophy Spain, Copa Peugeot Rally Cup Ibérica, Copa Dacia Sandero Cup, Copa N5 RMC e Bolsa RTS Junior.

O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández, o presidente de Escuadra Ourense, Julio Bouzo; o xefe provincial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, e o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede.

Artigos relacionados

Back to top button