EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

81 concellos da provincia beneficiaranse dos máis de 15,2M de euros que a Xunta destina a obradoiros duais de emprego

O delegado en Ourense, Gabriel Alén, subliña que se poderá ofrecer formación e un contrato de traballo a 600 desempregados, un 8,69% máis que a convocatoria anterior

Presentación do programa de obradoiros duais na provincia de Ourense.

 

Na mañá deste luns 26 de setembro o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informaba que da financiación por parte da Xunta de 30 obradoiros duais de emprego, “un 7,14% máis que a convocatoria anterior (28), que se desenvolverán en 81 municipios da provincia de Ourense, un 88% do total de concellos da provincia e suporán a contratación de 600 alumnos – traballadores, un 8,69% máis, ca edición 21/22 (552), aos que destinará 15,236.610 euros; case un 57% de incremento (9,6M de euros)”, dixo Alén.

O programa conta con 52,6 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a máis de 2.000 persoas sen emprego e poder implementar 101 obradoiros en toda Galicia. Ao respecto, o delegado territorial sinalou que as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, “poden acceder ao longo de 12 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo”. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

 

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

Os obradoiros duais de emprego, que teñen como obxectivo o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas, presentan unha triple dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Para acceder a estes obradoiros priorizaránse ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son, entre outros, as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade.

Tamén se primarán os programas que inclúan formación forestal; cualificación en conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; e os programas promovidos por concellos que teñan todo ou parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera.

Artigos relacionados

Back to top button