Unhas 200 persoas enchían o salón de actos do IES Carlos Casares de Viana do Bolo na tarde do 9 de xuño para asistir á presentación do libro “La fuerza de nuestros ríos. Una historia de Viana, Porto, A Veiga y la energía hidroeléctrica” (Andavira, 2018), escrito polo trivés José María Pérez López, profesor neste mesmo instituto.
Na mesa ao autor da obra estaba acompañado por seis persoas relacionadas coa obra: Rogelio Carracedo (traballador de Moncabril durante as obras dos saltos) e exalcalde de Porto (Zamora), Juan P. Lestón (que pasou 40 anos traballando na zona como responsable de presas e centrais en Saltos del Sil e Iberduero), Carlos Ferreiro (director do IES Carlos Casares), José Antonio Galván (director da “Unidad de Producción Hidráulica Noroeste de Endesa Xeración”), Ernesto Marra (responsable de Endesa na zona de Viana) e Lucila Ventoso (directora de Andavira Editora).
Este libro comeza cunha introdución sobre a enerxía eléctrica e hidroeléctrica para, de seguido, facer unha abordaxe histórica, socioeconómica e mesmo cultural sobre o que ten suposto para os concellos ourensáns da Veiga e Viana e para o zamorano de Porto a construción destas instalacións hidroeléctricas a mediados do pasado século, así como a súa evolución no tempo ata chegar a actualidade.