ConcellosÚltima hora

Toma de posesión dos novos conselleiros

Tiña lugar o 10 de febreiro no Pazo de Raxoi
Membros do goberno galego, tras o cambio nas consellerías de Facenda e Cultura.
Membros do goberno galego, tras o cambio nas consellerías de Facenda e Cultura.

Valeriano Martínez e Román Rodríguez tomaban posesión na mañá do 10 de febreiro como conselleiros de Facenda e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, respectivamente.

No decurso deste acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que o novo conselleiro de Facenda reúne non só a preparación senón tamén o espírito necesario para afrontar o que resta de lexislatura, con retos tan importantes como a actualización e aprobación do Plan estratéxico da economía galega 2015-2020, a execución dos fondos europeos ou a necesidade de seguir orientando os recursos públicos cara á recuperación económica.

Sobre Román Rodríguez, afirmou que a traxectoria do novo conselleiro de Cultura e Educación lle servirá para trasladar á Cámara o maior consenso posible nunha área tan sensible e para xestionala coa cercanía que caracteriza o municipalismo.

Ademais o novo conselleiro de Facenda manifestaba tras tomar posesión o seu compromiso “coa honestidade, cun criterio de profesionalidade sempre servindo ao interese xeral e coa transparencia que a sociedade demanda de nós”, mentres que o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñecía asumir o novo reto con “responsabilidade e ilusión”: “Non partimos de cero. Partimos dun proxecto xa en marcha, dun modelo que nos últimos anos ten permitido mellorar os resultados educativos, tanto en calidade como en equidade, e poñer a nosa cultura e a nosa lingua como cerne e sinal de identidade do noso ser colectivo. Vivimos nunha Galicia aberta, plural, inclusiva e diversa e a nosa educación e a nosa cultura son e serán piares que nos sitúan no mundo”.

Back to top button