ConcellosÚltima hora

Radiografía socioeconómica por comarcas

O Observatorio Económico Ourensán está a presentar os resultados do seu informe nas diferentes zonas da provincia
Presentación en Trives.
Presentación en Trives.

Os datos económicos, laborais e sociais da provincia están a ser presentados polo Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense en diferentes presentacións polas comarcas. As dúas últimas tiñan lugar en Viana do Bolo e Trives, respectivamente. Antes, realizáronse actos en Castro Caldelas e no Carballiño. A través destes datos recollidos polo Observatorio preténdese “dispor dun coñecemento inmediato e claro da realidade económica e social das comarcas que integran a provincia de Ourense”, segundo se informa dende esta entidade. O estudo está estruturado en dous eixos: a evolución do mercado de traballo e unha análise da estrutura empresarial.

No caso da comarca trivesa, no estudo apúntase que conta cunha poboación de 4.430 habitantes (datos 2014), sendo o concello con maior número de veciños o de Trives, con 2.280, seguido de Manzaneda con 973 habitantes. Tamén recolle o Observatorio que no pasado ano consolidábase “a cifra de 1.300 postos de traballo activos no conxunto da comarca, e de preto de 700 na súa cabeceira, Pobra de Trives”. Tamén se matiza que a metade do emprego industrial desta zona “ten como orixe o grupo de alimentación, bebidas e tabaco. Nos servizos logra a especialización en transporte e almacenamento”. A presentación destes datos tiña lugar no Concello de Trives o 11 de febreiro.

Presentación en Viana.
Presentación en Viana.

Un día antes, tiña lugar a presentación dos resultados do Observatorio Económico Ourensán referentes á comarca de Viana, que inclúe os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Gudiña e A Mezquita e suma un total de 6.362 habitantes. O informe revela que, “ao igual que Terra de Caldelas, desmarcouse cunha notable recuperación (por riba do 6%) de centros de traballo no último ano. Deste xeito na comparativa con 2008 pasou de ser a terceira comarca máis golpeada (-6,5%) a asinar o terceiro mellor rexistro provincial (-0.9%) e mesmo quedar ás portas do cambio de tendencia”. Asemade destacáse que a súa “maior especialización dentro do sector alimentario dase no grupo de carnes e derivados, aves e caza, no que suma sete empresas produtoras”.

Back to top button