Os socialistas vianeses fan balance despois do 26M e poñen sobre a mesa as súas propostas de negociación de cara a formar goberno neste concello. A través dunha nota de prensa, o seu cabeza de lista, Pablo Luis Salgado comenta que o partido está “satisfeito co resultado acadado nas derradeiras municipais, xa que subíu de un a tres concelleiros. O PP foi a lista máis votada seguida do BNG , que a pesares de gobernar estes catro anos, perdeu apoios, un concelleiro e o PP outro que pasaron ao PSdeG”.
Salgado recoñece que os socialistas “no seu día adquirimos un compromiso coa veciñanza de non pactar con ninguén, escarmentados polo apoio dado o BNG nesta última lexislatura onde nos sentimos totalmente ninguneados. Os resultados foron os que foron e agora tócanos facilitar e axudar a gobernabilidade do noso Concello”.
Ademais explica que “para evitar a desinformación interesada e en aras de que a veciñanza estea informada puntualmente das negociacións, imos facer públicas as nosas propostas”. Salgado recoñece que “o PP foi a lista máis votada e que nos lles manifestamos a importancia da súa representación nesta lexislatura que vai comezar, mais a veciñanza deste concello apostou claramente por un goberno progresista”.
Nese senso, “polo exposto anteriormente e polo noso apoio na anterior lexislatura, sen nada a cambio”, Pablo Luis Salgado di que “sentímonos lexitimados para propoñer un reparto do goberno nesta lexislatura. Un goberno en solitario do BNG dous anos e utros dous anos de goberno do PSdeG”, ademais de “aprobar a partida orzamentaria acordada coa Deputación para o arranxo da estrada de San Agostiño”.
Matiza ademais que “estes acordos deberán ser ratificados polos concelleiros electos de ámbolos partidos ante fedatario público, antes do vindeiro día 15 deste mes”.