Tras unha exitosa primeira edición no 2018 en Vilariño de Conso, desta volta será o concello da Mezquita o escenario da II Convivencia Intercomarcal “Lela e Tuxo”, que despregará un programa cargado de propostas de animación e música para os nenos, ademais dun xantar.
Os actos comezarán ás 16:30h. na “Debesa de Santigoso” con obradoiros de cada centro participante que, nesta edición serán os centros para nenos de 0 a 3 anos dos municipios da Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Riós e A Veiga. Ademais dos cativos tamén participarán os seus pais e nais, nunha convivencia de lecer en familia.
Esta edición, que terá novamente como temática a castaña (elemento que vencella a todos os municipios participantes), será organizada pola Asociación Cultural Os Tres Reinos, que participa coas cativas e cativos do seu Programa de Conciliación Familiar, e polo Concello da Mezquita, cuxo alcalde é Rafael Pérez.