O festival Ponte Louco terá lugar os vindeiros días 23, 24 e 25 de agosto. Está organizado pola ACX O Irrio en colaboración co Concello, e o bono terá un prezo de 5 euros. Así, a acampada será de balde.
Magín Blanco e a Banda das Apertas inaugurarán as actividades cun espectáculo infantil na Praza do Prado o venres ás 17:00 horas. A continuación, os cantos de taberna inundarán os bares da vila ás 19:00 horas. Entre os grupos que actuarán neste singular percorrido polos bares estará o das Macizas Centrais de Trives. A xornada rematará co concerto de Loro & The Blues Fellas na Praza do Prado ás 23:00 horas.
O sábado 24 comezará coa Feira de Artesanía ás 11:00 horas e as Louco Olimpiadas ás 11:30 horas. Así, xa pola tarde, haberá xogos populares ás 16:00 horas e Anxo Moure será o contacontos ás 17:30 horas. Ás 20:00 horas terá lugar o pasarrúas Trópico de Grelos para que ás 23:30 horas comecen os concertos no castelo. Os artistas que actuarán serán García MC e nación Quilombo, El Bastón de la Vieja, The Lelli Kelly´s e o picadiscos Dani Carballo.
O domingo 25, a Praza do Prado acollerá o concurso de tortilla ás 12:30 horas, e o concerto de Sofía Espiñeira pechará o festival, ás 19:00 horas na Avenida de Ourense.