Un ano máis, Petín regresa nesta fin de seman ao século XIX. Sen pregón nin cea, centrada na feira propiamente dita, cos expositores espallados pola empedrada zona vella da vila, estará a Feira de 1812, a cita coa que esta localidade valdeorresa conmemora dende hai case dúas décadas, a Constitución de Cádiz e a expulsión das tropas napoleónicas da comarca, e que abría as portas na mañá deste sábado 8 de xuño.
Coma sempre, están presentes en torno a unha trintena de postos de empresarios e artesáns do propio concello, de toda a comarca de Valdeorras e tamén doutros puntos da xeografía galega, entre adegas (non faltará o CRDO), artesanía e todo tipo de produtos (madeira e lousa principalmente), doces coas Voluntarias da Caridade, carnicería, queixos, manualidades, restauracións, cosméticos, xoias, segunda man,…).

Nesta edición tampouco hai Taberna e no seu lugar instalaron un espazo infantil con colchonetas para os nenos. Ademais, tanto hoxe como mañá pola tarde contarán no recinto feiral co actor Gabriel Fabersani que actuará a pé de rúa.
A música desta edición da Feira de 1812 virá da man dun cuarteto, o grupo de cámara Minuetto formado por dous violíns, unha viola e un violonchelo que actuará hoxe ás 19 horas na igrexa parroquial de Petín.
Ademais, mañá pola tarde, en torno ás 19:30 horas, contarase cunha actuación especial da agrupación de música tradicional Abertal, da Rúa, que fará un pasarrúas pola feira que abre en horario de 11:30 a 14 e de 17 a 21 horas aproximadamente.
De forma paralela e no horario da Feira de 1812, os pequenos poden realizar, en bicileta ou patinete, o circuíto preparado por Protección Civil de Petín no patio cuberto do Teleclub.
Fotos: Mónica G. Bellver.



