A imaxe dunha escultura, realizada por Anxo Baranga, do poeta de Córgomo camiñando pola outra beira do Atlántico, sobre un fondo cos versos do poema Ás Apalpadelas de Jorge Moral, serviron para ilustrar o cartel da II edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, convocado polas Letras de Florencio.
Deste xeito, réndese homenaxe a dous homes con moito significado dentro do proxecto cultural creado para impulsar a imaxe e obra do literato valdeorrés. Anxo é o irmán maior da Irmandade de Florencio e un dos maiores defensores do poeta, e Jorge é o ganador da I edición do concurso. A II convocarase proximamente e entre as normas para participar destacan que “os textos deberán estar escritos en lingua galega e ser inéditos, tendo entre 15 e 90 versos”, adiantan dende a organización. Ademais, cada participante poderá presentar un máximo de tres poemas.