Preto de 600 voluntarios das catro provincias galegas dábanse cita na mañá do 20 de xuño na Xornada-Encontro das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Galicia que se celebraba na sede da AGASP na Estrada. Entre as participantes estaban algunhas do oriente ourensán, como é o caso das de Manzaneda e da Rúa.
Esta xornada servía á vez como unha xornada formativa na que ademais dun balance das iniciativas adoptadas en materia de protección civil nestes anos tamén se abordaban accións futuras nesta materia. Así, por exemplo, había relatorios en materia de redes sociais e novas tecnoloxías. Así como da nova Rede Tetra de Comunicacións móbiles de Emerxencias e Seguridade de Galicia.
Entre as ponencias figuraba unha adicada ás actividades a desenvolver por unha AVPC dun pequeno concello. Nela, Clemente Pérez, responsable e coordinador da AVPC de Manzaneda, explicaba o labor desenvolvido ata o momento por esta xove, pero moi dinámica agrupación. Ademais comentaba os os retos que se lle presentan. A súa intervención era acompañada dun video con imaxes das actividades, elaborado por Juan Manuel González Cipriano, membro de Protección Civil de Manzaneda.
Este relatorio completábase con outro a cargo do alcalde de Laza, voluntario da agrupación deste municipio e xerente dos consorcios contra incendios e salvamento de Verín e Xinzo de Limia, José Ramón Barreal.
Este encontro foi inaugurado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e nel tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, o conselleiro de Educación e Cultura, Román González, o director xeral da AGASP Luis Menor, o alcalde da Estrada, José López, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.Fotos cedidas por: Juan de PC de Manzaneda e a Elisa de PC A Rúa.