Na reunión do Cecop (Centro de Coordinación Operativa), celebrada na mañá deste sábado 25 de abril, aprobábase entre outras, unha decisión vencellada á actividade cinexética: autorizar accións de caza de xeito excepcional naquelas zonas con maior risco. A medida tómase “para evitar posibles incidencias que a fauna salvaxe poida provocar e primar así a seguridade das persoas e do tráfico viario, ademais de reducir os danos nas extensións agrarias, no inicio da época de semente”, tal como informan dende o Centro.
Un dos animais que máis danos causan en cultivos e estradas é o xabarín, especialmente durante a corentena derivada do estado de alarma que empeorou a situación ao quedar prohibida calquera acción de caza que puidese limitar os movementos deste animal, que aproveita o confinamento dos humanos para avanzar sen freo. De aí que a consellería do Medio Ambiente propuxera a autorización de batidas para frear ese avance.
A decisión do Cecop será trasladada ao Goberno do Estado.