Ás 9h. deste venres 11 de setembro o salón de plenos do Pazo provincial acollía un pleno extraordinario do Concello de Ourense, o primeiro que se celebra tras a suspensión do pacto de goberno entre Democracia Ourensana (DO) e o PP. A sesión principiaba coa presentación da renuncia como concelleiro de Mario González (DO), que será substituído por Telmo Manuel Ucha.
Despois a orde do día incluía, entre outros puntos, unha moción presentada polo BNG relativa á demisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e que defendía no pleno Luis Seara. “Hai dúas semanas asistimos a un feito tan insólito como grave. Insólito, porque non é habitual que os compañeiros de partido do alcalde denuncien a este diante da fiscalía, e grave porque esta cuestión está a afectar á gobernabilidade do Concello, un Concello sumido na parálise dende hai 5 anos”, dicía o edil nacionalista, quen insistía en que “o prezo que está pagando a veciñanza polo pacto vergoñento”, que houbo entre PP e DO, é “elevadísimo”.
Nese senso a moción do BNG plantexaba que, “tendo en conta a situación de ingobernabilidade na que está sumido o Concello (…), o pleno exíselle a Gonzalo Pérez Jácome alcalde a demisión inmediata de todos os seus cargos”. Esta moción “non vinculante”, tal e como matizaba o propio rexedor, resultaba apoiada por 26 dos 24 edís asistentes ao pleno, votando unicamente en contra o rexedor e o concelleiro de DO Armando Ojea.
O voceiro do PP, Jesús Vázquez, aseguraba que “estamos ante unha situación grave e non podemos mirar para outro lado”, indicandolle a Jácome que “os ourensáns merecen que se lles explique que fai cos seus cartos cando hai unha sombra de dúbida”. O edil popular sinalaba que “Ourense necesita estabilidade, certezas, un rumbo claro e un goberno no que poida confiar”, polo que a situación “levounos a renunciar con inmensa dor ao goberno da cidade. Non podemos ofrecer lealdade cega cando non se é capaz de manter a confianza”.
Dende o partido socialista, Rafael Rodríguez Villarino, comentaba que “escoitando ao voceiro do PP parece que eles non tiveran nada que ver” e subliñaba que “esta cidade necesita un goberno serio” e que o momento actual é o resultado “dun experimento” no que a “vítima é Ourense, e lévao sendo moitos anos, e Jácome é un colaborador necesario que sacrificou a vontade dos votantes para cambiar esta provincia. O seu interese persoal fixo que pactara co PP que o utilizou”.
Ademais, dende Ciudadanos, José Araújo indicaba que Gonzalo Pérez Jácome “chegou a ser alcalde porque moitos concelleiros do PP lle votaron para que o fose” e que “non vai demitir, xa o dixo por activa e por pasiva”.
Pola súa banda, Pérez Jácome argumentaba que “non teño porque amosar nada” e pedía aos que o acusan que demostren eles esas acusacións. “Unha cousa é o partido e outra o diñeiro público e estáseme dicindo que faga unha rendición de contas ao PP, ¿pero acaso é un xuíz o PP? As contas de DO só lle competen ao Tribunal de Contas e á xente de DO. Isto é o colmo”, repetía en varias ocasións.
Intervencións semellantes escoitábanse novamente a partir das 13:45h., momento no que Ciudadanos presentaba unha moción relativa á “nefasta xestión do alcalde de Ourense”.
Nesta sesión plenaria aprobábanse tamén mocións como a relativa á posta en valor do Espazo Lusquiños da Mocidade e á referente á defensa do patriminio arbóreo de Ourense (presentadas polo partido socialista), entre outras.
Fotos: Carlos G. Hervella.