Tralo importante repunte que tiña lugar a comezos desta semana, con rastrexos e PCR’s pendentes de realizar era máis que probable que o número de positivos por coronavirus no concello da Rúa fose en aumento, e así está sendo.
Na xornada de onte, dende o Concello confirmaban 27 os casos activos por Covid-19 no municipio e, lonxe de diminuír, o número seguía crecendo e a día de hoxe, domingo 22 de novembro, debido a un aumento de 4 casos nas últimas horas, son 31 os casos activos na Rúa.
Dende a administración local informan de que debido a este empeoramento, o Comité Clínico continúa moi pendente deste municipio valdeorrés, con vixiancia especial, aínda que de momento non se aplicaron medidas restritivas especiais. “A responsabilidade e a precaución individuais son primordiais nestas circunstancias. Se queremos evitar que a propagación da Covid continúe avanzando na nosa localidade e as consecuencias sexan máis perxudiciais para todos, debemos cumprir coas medidas impostas”, aseguran, desexando unha pronta recuperación para os afectados. “Lembramos que o teléfono de atención ó cidadán continúa activo para calquera necesidade que se lles presente”, insisten.