Novo equipamento para Protección Civil de Manzaneda. Esta agrupación de voluntarios e o Concello de Manzaneda recibía na mañá do 20 de outubro un novo vehículo todoterreo pick-up, así coma un esparcidor de sal, para os operativos que realiza constantemente dita agrupación.
“O equipo de goberno do Concello de Manzaneda congratúlase da nova adquisición deste equipamento, que permitirá á recente creada agrupación, seguir na súa liña ascendente no que a operativos e formación se refire”, segundo destaca o seu alcalde, Davide Rodríguez.
A entrega tiña lugar nun acto de carácter galego, celebrado nas instalacións da Axencia Galega de Seguridade Pública e que contaba coa presenza de representantes doutros concellos e agrupacións galegas, así como do vicepresidente da Xunta de Galicia, do director xeral de Emerxencias de Galicia, Luís Menor. A este último o Concello de Manzaneda e Protección Civil agradecíanlle “encarecidamente a boa disposición que mostrou en todo momento dende o seu nomeamento en favor desta agrupación, así como o recoñecemento polos servizos que dende Manzaneda se teñen prestado”.
Ademais o equipo de goberno de Manzaneda expresaba tamén o seu agradecemento á súa “Agrupación de Voluntarios de Protección Civil por todas as situacións nas que ten actuado, tendo sempre como obxectivo prever as situacións de risco ou meteoroloxía adversa, ou a protección de persoas e bens cando moitas veces as situacións non son as máis axeitadas”.
Fotos cedidas polo Concello de Manzaneda.