En portadaÚltima hora

Os casos activos de Covid na Área do PAC de Trives baixan a 27

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con preocupación séguese a evolución que están tendo os casos de Covid-19 na Área do PAC de Trives, que inclúe aos concellos de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río. Segundo os últimos datos, son 27 os casos activos, despois de que se rexistrase onte un falecemento e tres altas.

Así, en San Xoán de Río hai 10 positivos, 2 menos que onte, logo dunha alta e do falecemento dun veciño de 96 anos que estaba ingresado no Hospital de Valdeorras, tal e como se confirma dende o Concello.

En Manzaneda son 9 os positivos, 1 menos que onte, logo de producirse unha alta. “Coa alta desta persoa toda a unidade familiar relativa a ela, se atopa libre de Covid”, tal e como se sinalaba nun comunicado emitido dende o Concello, no que tamén se insistía en que “non debemos baixar a garda, temos que continuar con todas aquelas indicación preventivas indicadas por Sanidade”.

No que se refire a Trives, mantense a cifra de 8 casos activos, despois dunha nova alta e dunha baixa. “Efectuado o reconto de resultados, arestora, veñen de comunicarnos unha alta de un contaxio ao tempo que nos confirman a existencia de un positivo máis, polo que a situación segue a ser numéricamente a mesma de onte: 8 positivos”, segundo se recolle no comunicado publicado polo Concello nesta tarde.

Ademais dende o Concello de Trives explícase que nesta xornada “a información facilitada polo Sergas indica só 4 positivos en Trives, se ben non computan todos os casos de residentes contaxiados aquí (porén temos residentes con médicos privados ou en outros municipios). Nembargantes nós entendemos que debemos informar sobre todo os que estando no noso concello e residindo aquí estàn contaxiados. Todos eles se atopan illados e con síntomas leves”. Ademais esta administración local informa de que “do cribado de test serolóxicos levado a cabo no día de hoxe non hai máis positivos. Estamos á espera de resultados dos test PCR que se están a realizar”. Finalmente, transmite unha mensaxe de ánimo e incide na importancia de respectar as medidas sanitarias.

Apertura da estación de montaña

Así mesmo, tanto o Concello de Manzaneda como o de Trives apelan á responsabilidade dos visitantes ante a apertura nesta fin de semana da Estación de Montaña de Manzaneda. Dende o Concello de Manzaneda “facemos un chamamento a todos os que nos visiten, para que desfruten da neve, e o mesmo tempo apelamos a responsabilidade de todos para que se respecten todas e cada unha das medidas que nos axudan a controlar esta pandemia”.

No caso de Trives, “dado que non se implantou a venda on line de entradas, dende o Concello facemos un chamamento a todos os que nos visiten, para que desfruten da neve pero con responsabilidade e evitando aglomeracións que se puideran dar nas taquillas. Igualmente que se respceten todas e cada unha das medidas anticovid impostas para, entre todos, dar estrito cumprimento ao orden legal”.

 

Artigos relacionados

Back to top button