Aunaban a forza da terra, na que se enriquecían antes de abrollar á superficie, coa do ceo. Para os pobos primitivos as augas termais tiñan un carácter sagrado e as súas fontes estaban poboadas de seres sobrenaturais.
Eran lugares de curación, culto e peregrinación xa dende a época prerromana, se ben a chegada de Roma dotounos de estruturas arquitectónicas para a súa mellor explotación e uso. Na antiga Gallaecia e, máis en concreto, no territorio que hoxe corresponde á provincia de Ourense son abundantes os vestixios que falan dese remoto pasado termal. Un deles é a toponimia. As fontes clásicas aluden a unha serie de cidades unidas ao nome Aquae ou Aquis, que denotan unha agrupación urbana cuxo rasgo característico é o termalismo e o seu aproveitamento. Así sucede con Aquae Geminae (posiblemente Baños de Molgas), Aquis Querquennis (Baños de Bande) ou Aquis Originis (Baños de Riocaldo).
Hai asemade multitude de restos arqueolóxicos: antigas estruturas de establecementos balnearios, incricións votivas adicadas a divinidades indíxenas ou romanas ligadas á auga ou obxectos usados como exvotos.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).