CulturaCulturaÚltima hora

Carlos Taibo: “Estou cada vez máis convencido de que estamos xa no colapso”

Este profesor de Ciencia Política e analista político abría hoxe a XXXVIII Semana Galega de Filosofía “Filosofía e Contrahexemonías” falando sobre Ucraína

Conferencia de Carlos Taibo./ Foto: Aula Castelao.

 

A Aula Castelao de Filosofía inauguraba esta mañá a XXXVIII edición ‘Filosofía e Contrahexemonías”. No acto, conducido polo alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores como anfitrión, tomaba a palabra en primeiro lugar o actual presidente, Alexandre Cendón quen logo de citas ás institucións colaboradoras que fan posible o evento (Concello de Pontevedra, Universidade de Vigo, Política Lingúística, Deputación de Pontevedra, Parador e o instituto Valle Inclán) as súas achegas, fixo un agradecemento especial apuntando que “non sería posible sen a xenerosidade dos relatores e relatoras e como non do interese e as achegas de todo o público que asiste ao congreso. Temos por diante unha semana para aprender, reflexionar, debater nun foro que axiña fará a súa cuarta década de existencia. En todos estes anos sempre foi un punto de reunión”.

Ademais incidía na temática en torno á que xiran as xornadas nesta edición. “Dende o limiar da filosofía ollamos como o concepto de hexemonía non é posible sen o seu contrario: aquilo que é dominado, sendo xa que a hexemonía a constatación da propia dominación. Pensamos que o cometido da filosofía é o fomento de discursos libres e transgresores, comprometidos coa xustiza e a emancipación social, dar ferramentas para as praxes contrahexemónicas. O problema non son as fake news nin a posverdade, senón uha volta de tuerca máis da dominación a través dos discursos hexemónicos que conta coa axuda dos medios de comunicación de masas e fai tan necessaria á existencia da filosofía e o pensamento crítico”.

Na súa quenda de palabra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a ledicia de acoller un ano máis este evento “É unha sorte que levamos repetindo moitos anos comprobar que a primavera pontevedresa temén trae consigo un espazo de sabiduría, análise e reflexión como o que hoxe comeza. Ademais o rexedor de Pontevedra citaba o modelo urbano da cidade como exemplo contrahexemónico.

A continuación Ana Regueira, membro da Aula daba paso ao relator Carlos Taibo, “galego nado profesor titular de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, partidario do movemento antiglobalización, do decrecemento da democracia directa e o anarquismo”. É autor de máis de 30 libros en castelán e galego relativos ás transicións en Europa central. Na súa recente publicación aborda a situación da Ucraína.

Ao comezo da súa intervención, Taibo puxo en antecedentes a actual situación, froito de tensións entre Ucraína e Rusia ao longo dos anos, coas potencias occidentais na trastenda e sinalando a parte de culpa que teñen na mesma Estados Unidos, a Unión Europea ou a propia OTAN. “Non hai ningunha xustificación para intervención militar. Na nosa cabeza debe estar antes que nada o sufrimento das persoas civís pero tamén dos propios soldados. Estou en contra das guerras e manteño a miña máxima de Non á guerra entre os pobos. Non á paz entre as clases. Sen ánimo de defender ao presidente ruso, as potencias occidentais son tamén responsables da situación actual. O Putín que hoxe coñecemos é en certa medida o produto da prepotencia e da ignominia dos gobernantes norteamericanos daquel momento que pensaron que non tiñan que premiar en forma algunha a colaboración activa e mesmo a submisión da Federación Rusa”.

Considera Taibo que a “Rusia de Putin é unha mestura de discurso, nacionalismo bélico, defensa dos valores tradicionais, da familia, da sociedade patriarcal, da igrexa ortodoxa, etc”. E indicaba que “moitas veces se dixo que os estados membros da Unión Europea arrastran unha delicada dependencia dos suministros do gas natural ruso, máis a miúdo esquecemos que a dependencia é mutua, xa que Rusia non dispón hoxe en día de compradores alternativos ao seu gas. Se alguén en Ucraína quere salvar a vida, debe colocar o seu asentamento preto dun oleoducto. Ninguén bombardea os oleoductos: nin os rusos nin os ucraínos”.

E asegura que “procuro encher o baleiro que deixan os medios de incomunicación: a OTAN responsable principal do que nos últimos 30 anos foi un cerco desesenvolvido sobre a Federación de Rusia, no establecemento dunha serie de bases militares que rodean a Rusia, desleixo dos compromismos enunciados polos presidentes norteamericanos do momento en finais dos 80 e principios dos 90, no sentido de que garantirían unha plena seguranza para a Federación Rusa. OTAN é a punta de lanza noutra banda dun activo proceso de tercermundizalición de Europa Central e Oriental”.

Taibo lembraba tamén que falou “durante anos do colapso como algo que debera manifestarse nun futuro e hoxe estou cada vez máis convencido de que estamos xa no colapso. Hai anos tería acreditado que tería lugar un colapso xeral, que eu, pola miña idade xa non vería, pero infelizmente esta conclusión xa non me parece tan evidente. As cousas parecen cada vez máis duras. Nos últimos anos falei dunha serie de verbos deben ser o miolo nunha tarefa de reconstrución social: decrecer, desurbanizar, destecnoloxizar, despatriarcalizar, descolonizar, descomplexidas e desmilitarizaras nosas vidas e as nosas sociedades. Non vexo nada disto nas políticas dos nosos gobernantes, ningunha conciencia dos límites, ningún proxecto que apunte á redistribución da riqueza, nin de artellar proxectos colectivos e comunais como os que precisamos con urxencia e non vexo claro ningún horizonte de desmilitarización das relacións.”

Back to top button