
O Concello de Quiroga , a través do Museo Etnográfico, organiza un novo curso de tecido tradicional. Trátase do noveno curso no que se impartirá formación sobre a a elaboración de pezas no tear que se atopa no citado museo. A recollida e restauración destes elementos empregados no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrece dende entón a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.
O curso, que se iniciará o 15 de maio, ten vinte horas de duración, rematando o 19 de xuño. As clases desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as catro e media da tarde ata as seis e media. No curso realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca e torcer) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.
En accións formativas anteriores de tecido tradicional elaboráronse diferentes pezas, dende a tradicional colcha a alfombras ou bolsos. Sen esquecer a recuperación dunha peza practicamente perdida e que se conserva agora no Museo Etnográfico, un mantelo, unha capa tradicional de pastoreo da serra que servía para protexerse do frío e da choiva por confeccionarse cun tecido especialmente mesto.
As persoas interesadas en recibir máis información ou en participar neste curso deben dirixirse á Casa da Cultura, ben persoalmente ou a través do seu tfno: 982.43.51.25.; antes do 15 de maio.