A histórica Coral de Ruada de Ourense conta con novo traballo discográfico. A piques de cumprir o século de vida, a formación presentará o vindeiro 24 de xuño “De ruada entre amigos”, un CD-DVD que incluirá 18 temas do seu repertorio cunha gran novidade: a colaboración dunha ringleira de artistas dos máis prestixiosos do panorama da música galega. Deste xeito, talentos como o da gaiteira ourensá Cristina Pato, ou de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro ou Treixadura mestúranse coas voces da coral.
Esta mañá de venres tiña lugar a presentación do novo traballo, un acto ao que asistiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ao que dende a directiva da coral presentaron como un dos grandes impulsores do proxecto musical, nunha primeira etapa como conselleiro de Cultura, e logo como rexedor da cidade das Burgas. En calidade de representantes da propia coral estivo Eladio Quevedo, acompañado de Samuel Lago e de Emilio Rodríguez, da directiva.
O CD-DVD tamén conta co tinte musical doutros artistas e grupos ourensáns como Gomes Mouro e Brañas Folk. Tamén hai colaboración de artistas que foron seleccionados por teren no seu repertorio cantigas da coral ourensá. É o caso de Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura, Os Melidaos e inclusive algúns estranxeiros como Andrew Cronshaw e Tigran Aleksanyan, procedentes de Inglaterra e Armenia, respectivamente.
Pero este novo traballo discográfico que asina a Coral de Ruada tamén conta cunha colaboración moi especial: a actuación de varios coros infantís. Segundo explicaron, a formación traballou con eles grazas aos convenios de colaboración que manteñen con varios colexios da cidade. Así, forman parte do disco 68 nenos e nenas dos coros infantís dos colexios Concepción Arenal, CEIP Curros Enríquez, Colexio Miraflores e Colexio Padre Feijóo-Zorelle.
“Ourense ten moi boas voces, temos canteira e talento”, manifestou Vázquez, que fixo fincapé na importancia de manter estas tradicións, que segundo dixo, teñen a súa esencia nunha “provincia con moita creatividade”. Gabou o labor cultural da Coral de Ruada e animou aos asistentes a por en valor a súa música.
Neste contexto, o encontro celebrado hoxe no Liceo tamén serviu para lembrar a celebración, esta fin de semana, do X Certame de Ruada. O programa discorrerá principalmente entre os días 18 e 19. Deste xeito, na xornada de mañá sábado, haberá un concerto no Liceo ás 20:30h, coa Coral do Liceo de Ourense e a Coral Polifónica de Pontevedra.
O domingo, no marco da Romaría de Oseira, a Coral de Ruada actuará na misa cantada das 13h na igrexa do Mosteiro de Oseira. A festa continuará posteriormente cun xantar ás 14h que terá lugar na carballeira de Oseira. O evento conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a Consellería de Cultura, da Comunidade Cisterciense de Oseira, do Teatro Principal de Ourense e do propio Liceo.
Texto e fotos: Sara Fontenla