
Rozando as 12:30h. deste luns o 112 Galicia recibía o aviso dun particular que alertaba de que unha muller caera polas escaleiras exteriores dun edificio da avenida de San Fiz no concello ourensán de Vilar de Barrio.
“A implicada, que se atopaba ferida, caeu nun lugar moi estreito e de difícil acceso, facendo necesaria a intervención dos membros do GES de Maceda e dos Bombeiros de Xinzo de Limia para a súa liberación”, segundo informa o 112 Galicia, que de inmediato solicitaba “a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo de Limia, do GES de Maceda, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Vilar de Barrio”.
Os profesionais sanitarios confirmaron que a persoa atopábase nunha zona de difícil acceso, polo que os membros do GES de Maceda e os Bombeiros de Xinzo de Limia colaboraron co persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para trasladar á muller ata a ambulancia, na que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia, segundo asegura o 112 Galicia.
Desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 chegouse a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.