OurenseÚltima hora

Suspenden os fogos de artificio das festas do Apóstolo da Ponte pola calor

As altas temperaturas obrigan a quitar o espectáculo pirotécnico previsto para a noite do 24 de xullo
De esquerda a dereita, Prol, Iglesias e Alonso, esta mañá, na presentación das festas da Ponte.
De esquerda a dereita, Prol, Iglesias e Alonso, esta mañá, na presentación das festas da Ponte.

As altas temperaturas previstas para os vindeiros días obrigan a suspender os tradicionais fogos de artificio que encumian cada ano as festas do Apóstolo no barrio ourensán da Ponte. Así o anunciaba a comisión organizadora esta mañá, durante a presentación da programación dos festexos, que se celebrarán entre os días 22 e 25 de xullo. No acto tamén estivo presente a edil de Cultura, Belén Iglesias.

“Falamos coas forzas e corpos de seguridade e decidimos suspender os fogos polas altas temperaturas para non correr riscos”, dicía Pablo Prol, como membro da comisión das festas. El, xunto con Sindo Alonso, tomaron as rendas da organización dos festexos deste ano, retomando o labor que viña desenvolvendo a Sociedade Artística La Troya. “Decidimos ser previsores”, sinalaban, e avanzaban que a partida adicada a esta actividade será destinada a unha xuntanza para os veciños con pinchos e música o 26 de xullo, previsiblemente no parque do lado da ponte romana.

Ademais da programación que xa se desvelara en días anteriores, como a Festa de Radio Líder, o concurso de karaoke La Voz del Miño ou a XXXI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, os organizadores concretaron que o día 23 se dará o pistoletazo de saída oficial ao Apóstolo cun pregón que correrá a cargo dos xornalistas Juan Maceiras (Radio Cope) e Ricardo Alonso (Radio Galega).

Así mesmo, as orquestras que pasarán polo barrio ourensán esta fin de semana serán Capitol e Podium (día 23); Royal Espectáculo e Arabia (día 24); e Pasarela e Noche de Gala (día 25), con dúas ubicacións claras: a Avenida de Santiago e a Avenida de Marín. Tamén haberá actividades deportivas e atraccións para os máis cativos, que se ubicarán na Avenida das Caldas. O día grande, o 25, os actos relixiosos tomarán as rúas coa procesión na honra ao Apóstolo e a posterior recepción de autoridades no parque da Ponte. A Real Banda de Gaitas da Deputación e a Coral Alecrín, do barrio, actuarán para enxalzar a festa.

As festas deste ano levaranse a cabo cun presuposto aproximado duns 30.000 euros, segundo detallou a comisión. Desa cantidade, 15.000 euros proceden do Concello, que se involucrou de xeito activo a través das concellerías de Cultura e de Seguridade Cidadá. Neste sentido, a titular de Cultura subliñou a importancia de manter uns festexos “icónicos” dun barrio “orgulloso” e agradeceu o labor da recente comisión. Alonso e Prol, pola súa banda, fixeron un chamamento aos comerciantes da zona invitándoos a tomar o relevo organizativo de cara a vindeiras edicións, aos que ofrecen colaboración coa experiencia adquirida nesta edición.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button