
Nunha sesión plenaria extraordinaria celebraba deste 22 de novembro debatíase o proxecto de orzamentos para o 2024 no Concello do Barco, presentado polo grupo de goberno socialista e que ascende a 10.720.675,46 euros. Este proxecto, sen embargo, non lograba os votos dos grupos municipais do PP (5 concelleiros) e do BNG (3), que votaban en contra, polo que o punto saía adiante unicamente cos 9 votos favorables do equipo de goberno local.
A sesión, que contemplaba dous puntos na orde do día, comezaba ás 13h. someténdose á votación a acta da sesión anterior (a do pleno do 2 novembro) que, a diferenza doutras ocasións, non resultaba aprobada por unanimidade, xa que o voceiro municipal do BNG, Suso Vilasánchez, amosaba a disconformidade do seu grupo ao comprobar que no texto se resumía en catro liñas unha intervención de dous folios e pedía a inclusión completa da mesma na acta, xa que se trata de “documentos de titularidade pública que pertencen ao patrimonio documental galego, polo que pido que se incorpore a intervención completa. E na acta anterior a esta fixen referencia a que este Concello ten máis de 3 millóns de euros en facturas que non van ser cobradas e non aparece en acta e aparécenme cousas importante, hai cousas que teñen que reflectir o sentir do grupos”.
O alcalde, Alfredo García, respostaba que as actas “non teñen que reflectir todo ao pé da letra, pero se se traen as intervencións escritas pódense mandar escritas ao funcionario que fai as actas” e matizaba que, se se quere especificamente que algo figure, ten que dicirse que iso conste en acta. Ademais interviña o secretario indicando que o que decide o que se pon na acta é o “secretario, resumindo de forma sucinta as intervencións, pero se non se quere aprobar non pasa nada, non ten ningunha consecuencia xurídica”. Finalmente, os edís nacionalistas abstíñanse na votación, que resultaba aprobada por 14 votos a favor (os do PSdeG-PSOE e PP).
O segundo punto da orde do día era a modificación do cadro de persoal do orzamento 2023, que supón “a supresión dunha praza de auxiliar administrativo que estaba vacante no departamento de consumo, en concreto na OMIC, e que non conta con asignación orzamentaria, e a creación de unha de auxiliar administrativo no departamento de Asuntos Sociais. Isto xa foi obxecto de negociación cos representantes do persoal”, explicaba o voceiro socialista, Aurentino Alonso.

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, abría a quenda de intervencións e expoñía que “resultan bastante confusos os documentos dos cadros de persoal do Concello, porque acaban mesturando organigramas, con plantillas orzamentarias e con cadros de persoal, con RPTs (Relación de Postos de Traballo) ” e indicaba que aquí “o que se pretende é reconverter unha praza orzamentada dunha cousa noutra, nós non nos opoñemos a iso, pero o que si dicimos é que este concello ten numerosas prazas sen cubrir, entón podería empezarse por cubrilas antes de amortizar nada. Ademais informásenos aquí de que sen a RPT, que se configura como un requisito previo e preciso do que depende a oferta de emprego público, a súa inexistencia pode levar á declaración da nulidade da oferta pública que se realice, é dicir, todas estas cousas poden ser declaradas nulas. Por iso o BNG, con todas deficiencias que se ve e que se explicitan, ímonos abster”.
Tamén anunciaba a súa abstención o PP, a través do seu voceiro municipal, Manuel Núñez, porque “cremos que hai que tirar para adiante coa RPT dunha vez por todas e terminar con estas incertezas que temos”.
Pola súa banda, o alcalde, Alfredo García, engadía que este reaxuste “non é por ningún capricho. Para que fagamos a oferta pública de emprego, nós temos que cubrir en principio tres vacantes que entrarían dentro desa oferta, e cos coeficientes que teñen esas tres, nos permite ofrecer unha praza máis que ten que ser no sector prioritario, que é servizos sociais”.
O punto era aprobado por 9 votos a favor do grupo de goberno e con oito abstencións da oposición (PP e BNG).
10.720.675,46 euros de orzamento para o 2024, no Barco
Finalmente, abordábase o proxecto de orzamento para o vindeiro ano 2024, que tal e como apuntaba o voceiro socialista, Aurentino Alonso, cífrase en 10.720.675,46 euros, o que supón 830,942,72 euros máis que o do ano 2022, que se prorrogou no 2023. “Isto implica un 8,4% de incremento con respecto ao 2022. E como en exercicios anteriores, o Concello do Barco non tque afrontar ningún plan de saneamento nin acollerse a ningún de pago a provedores. Tamén temos pevisto que se desenvolva sen ter necesidade de pedir préstamos hipotecarios, salvo que se asinen convenios e non sexa posible utilizar o remanente”.
Así mesmo, Alonso cualificaba o orzamento de “realista tanto en ingresos como en gastos, que dá solución e prevé partidas para seguir prestando todos os servizos que este concello asume dende hai anos. Hai un incremento de máis de 400.000 euros nas retribucións do persoal. E iso sitúanos nunha partida de 5.364.195,40 euros, o que representa o 50,3% do orzamento total. Esa suba supón máis dun 7% con respecto ao ano 2022 e hai unha subida tamén moi importante de preto de 500.000 euros en gasto corrente polo aumento dos prezos nestes dous anos. De feito, soamente a partida de enerxía eléctrica incrementámola nun 42,5%. En total o que serían gastos correntes e servizos son 4.446.817,89 euros, o que representa o 41,17% do orzamento”.

Ademais o voceiro socialista facía especial fincapé no que atinxe ao departamento de Servizos Sociais, onde “temos unha plantilla dunhas 30 persoas, entre o persoal que está como funcionario e laboral e o de axuda do fogar (23 persoas), son o 22% da plantilla. Ten uns gastos que se achegan a 1.043.073 euros de, e hai que sumar os custos de contratación con empresas externas para atender as necesidades que non damos atendido máis”.
No resto dos departamentos, “manteñense as partidas para os seus programas de actividades nas mesmas cantidades e as partidas de subvención, e logo está a partida de 116.160 euros para mantemento da piscina climatizada”, dicía Alonso, que tamén aludía ao apartado de investimentos, mencionando o cambio no financiamento nos plans provinciais da Deputación de Ourense para o 2024, que suporán que O Barco disporá de 419.000 euros, e concretando que nos plans provinciais se incluirán dúas obras: a renovación integral de servizos no núcleo do Castro e unha obra de renovación integral de servizos na rúa da Ribeira. Tamén nos investimentos figuran 10.000 euros para a elaboración do inventario municipal.
“Ademais neste exercicio estaríamos en disposición de contar coa axuda doutras administracións para outros proxectos como son o remate da rúa Elena Quiroga na súa marxe esquerda, que esperamos que a Deputación saque a concurso. Tamén estamos pendentes de concretar un gran convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a execución dun proxecto de mellora definitiva na depuración da EDAR. Ademais prevese a adxudicación da remodelación do Salgueiral. E no 2024 eperamos que Adif adxudique o proxecto para a construción dun paso soterrado á altura da rúa Xirimil. Todos estes convenios se cofinanciarán con partidas xa previstas ou co remanente de tesourería”. Neste senso, o voceiro socialista concretaba que en investimentos reais figuran 393.824 euros.
Durante a quenda de intervencións, o voceiro nacionalista, Suso Vilasánchez, poñía o foco novamente no cadro do persoal do Concello do Barco, “que presenta 137 prazas, o que queremos saber é se é un cadro de persoal ou esas prazas están todas orzamentadas, porque non é o mesmo un cadro de persoal que unha praza orzamentada, cuns cartos detrás, unha persoa e vai cubrir unha función. Tal e como o presentan, o cadro de persoal é moi confuso e gustaríame que se explicase a proxima vez que é unha vacante, que é unha vacante cuberta, e que tipo de contrato hai dunha persoa, e se esa vacante ten unha persoa detrás ou non. E pode chegar a suceder que teñamos 28 prazas orzamentadas sen cubrir, entón, qué pasa co orzamento, ¿onde se usou? E se xa se conta con el para algunha outra partida este orzamento non está ben feito”.
Ademais, Vilasánchez apuntaba que “a intervención advírtenos que de que as nosas previsións no orzamento son maiores do que pode suceder en realidade. Tamén se advirte da necesidade dun departamento de persoal. Fáganlle caso aos técnicos e non metan estas cousas nos orzamentos, ben lle fixeron caso para sacarlle funcións ao pleno, aí non tiveron ningún problema. Tamén hai unha advertencia sobre as subvencións, dicindo que non consta que non estean concedidas, polo tanto todo o que vaiamos a contratar relacionado con esas subvencións podería non ser contratado xa que non están concedidas”. O edil nacionalista concluía dicindo que “isto non é serio, os cadros de persoal non son aceptables e tampouco é prudente a previsión de ingresos. Nós ímonos opoñer”.

Pola súa banda, o PP consideraba que “estes orzamentos, unha vez máis, son continuistas o único que fan é manter, non hai nada máis, e raquíticos e non vemos evolución, levamos moitos anos así, é máis do mesmo”, tal e como dicía o seu voceiro, Manuel Núñez, que se manfiestaba de maneira similar ao exposto polo BNG no tema do persoal, “estamos recibindo subvencións por algún ente superior, en canto a algún servizo como o GES, que conta con moi pouco persoal e nós estamos recibindo subvencións por todo o persoal contratado coa Xunta, e igual nalgún momento nos esixirán a súa devolución. Tamén vemos un incremento no tema da electricidade, no que se están facendo investimentos cada pouco en canto a novas tecnoloxías para aforrar e o consumo enerxético, non só non se estabiliza senón que aumenta considerablemente”.
Manuel Núñez indicaba ademais que “nos arranxos de camiños, o que fan é simplemente un mantemento, aos cidadáns non lle estamos dando nada máis que iso, porque se non mantemos eses camiños, entón apaga a vámonos. Por iso imos votar en contra tamén”.
Nas súas respostas, o voceiro socialista dicía, con relación ao persoal, que “vacante non quere dicir que non estea ocupado por unha persoa. A maior parte de todas estas vacantes que temos aquí, non son tales vacantes, están cubertas cun persoal que normalmente é indefinido. Si que hai unha serie de prazas sen cubrir, como a do asesor cultural ou a do técnico de medio ambiente”.
Alonso recoñecía que “orzamento é continuista, pero tamén realista e dalle solución aos problemas que ten este concello. E sobre as subvencións dos GES, nós o que recibimos hai que xustificalo ante ese organismo, polo tanto non hai maior problema”.
A continuación procedíase á votación, na que os concelleiros socialistas votaban a favor (9 votos) e a oposición en contra (8 votos), co que orzamento saía adiante.
