ConcellosÚltima hora

Emilio González: “Estase rematando o proxecto para arranxar o tramo da N-120 entre Ourense e Lugo”

Así o anunciaba o subdelegado do Goberno en Ourense, adiantando tamén que seguramente este ano se saque a licitación o proxecto dos terceiros carrís do tramo Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense

 

Sobre o estado da estrada N-120 ao seu paso por Valdeorras e ata Ourense era preguntado pola prensa o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, na visita que realizaba esta mañá a Vilamartín. “O que máis dificultade presenta é o tramo Ourense-Lugo e si que podemos anunciar que se está rematando o proxecto, que vai ser prioritario, para arranxar esa parte da N-120. En canto ao firme e obras de emerxencias, taludes e recuperación de arcéns estanse facendo permanentemente na comarca de Valdeorras e podemos dicir que o firme nesta zona da N-120 está ben e o que queda é de Demarcación de Estradas da zona de Lugo, esa é a parte que está máis deteriordada. Pero, como digo, xa hai un proxecto para o arranxo e sacarase de forma inmediata por parte de Estradas”, dicía Emilio González.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno en Ourense, referíase ao proxecto dos terceiros carrís na zona Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense, “este ano sacarase seguramente a licitación. Está feito o proxecto de trazado, xa se resolveu o trámite e queda facer a propia resolución e iniciar o proxecto construtivo, e despois orzamentalo. E o compromoiso do Goberno é que no inicio desta lexislatura, neste mesmo ano, se poida rematar o proxecto e a licitación”.

 

Estrada N-120 ao seu paso por Valdeorras.
Back to top button