Unhas 25 persoas sumábanse á actividade organizada para celebrar o “Geolodía” na provincia de Ourense e que nesta ocasión tiña como escenario a explotación aurífera romana das Borreas (Viana do Bolo). Organizábase unha visita na mañá do sábado 11 de maio a esta impresionante mina de ouro, “tipo Médulas, de menor tamaño que as leonesas Médulas de Carucedo, pero de gran beleza e interese xeolóxico”, aseguran os promotores. O percorrido era guiado por Víctor Barrientos, profesor da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña e que conta con ampla experiencia en divulgación científica.
“Geolodía” está considerado o maior evento de divulgación científica ao aire libre de España. Trátase dunha iniciativa organizada pola Sociedade Xeolóxica de España, co apoio da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, con actividades en diferentes puntos do país. Así, na fin de semana do 11 e 12 de maio estaban previstas 64 excursións de divulgación da xeoloxía, a maior parte delas en España, pero tamén noutros países.
Fotos cedidas.