A VeigaConcellosÚltima hora

Merelles salienta na Veiga a oportunidade que supón o potencial de Galicia como destino Starlight

O director de Turismo de Galicia asistía ao acto inaugural do festival literario e astronómico Al-Majisti, que se desenvolve neste muncipio valdeorrés

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaba esta mañá na inauguración do festival literario e astronómico Al-Majisti 2024 que se está a celebrar no municipio da Veiga entre hoxe e o 19 de maio. Alí destacaba o apoio levado a cabo polo Goberno autonómico “para conseguir que Galicia se posicione como destino Starlight, con destinos como A Veiga, un dos primeiros en conseguir a certificación como lugar para gozar da contemplación do ceo”.

Xosé Merelles agradeceu á organización do festival literario a súa organización e indiciou que con estas iniciativas “estase a contribuír a avanzar nun modelo turístico sustentable e responsable que combina a observación do ceo nocturno coa divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza, como este festival literario”.

Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome ‘Al–Majisti’ é o topónimo árabe traducido como “o máis grande , o grande tratado” e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.

O acto inaugural do festival, que tiña lugar ás dez deste 17 de maio, contaba tamén coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; co vicepresidente segundo da Depuación de Ourense, César Manuel Fernández; co deputado provincial Xosé Miguel Pérez, e co alcalde da Veiga, Juan Anta, entre outras autoridades.

O festival está dirixido aos amantes da astronomía, aos afeccionados da novela histórica, aos seguidores da música folk galega e ao publico en xeral que terán a oportunidade de coñecer aos autores dos libros que se distribuirán.

Programa

Este 17 de maio é nestas xornadas o día “do Mare Nostrum á Mar Océana“. Está dedicado a Ptolomeo, á navegación astronómica e a Cristobal Colón e outros descubridores. O 18 de maio será o día “do Mare Nubium: Alphonsus“. Será o día de Afonso X O Sabio e de Violante de Aragón. E o 19 de maio e 2024 será o día “do Finis Terrae : Gallaecia“. Día dedicado a Galicia, onde se abordarán as figuras de Cristobal Colón galego e Afonso X e Ourense .

Nos encontros literarios, os autores asinarán as súas obras que serán distribuídas aos asistentes. Como actividades paralelas están previstas as actuacións musicais de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre Coanhadeira.

As observacións astronómicas correrán a cargo de Óscar Blanco Varela, director do CAT (Centro Astronómico de Trevinca). Este evento conta co respaldo de institucións como o Real Observatorio da Armada, o Museo Casa-Colón de Valladolid, a Fundación Starlight , o Planetario de Pamplona ou o Consello da Cultura Galega, segundo a organización.

Back to top button