CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O colexio de Sober, distinguido polo seu voluntariado de lectura

 

O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober é un dos dez centros de Galicia e o único da provincia de Lugo que consegue ser seleccionado polas súas experiencias de Voluntariado de lectura na Biblioteca Escolar Primaria.

A Xunta concédelle unha asignación de 600 euros, que terá que destinar ao desenvolvemento dun obradoiro especializado para aqueles alumnos e alumnas que ao longo do curso tiveran un papel protagonista dentro do grupo de voluntarios e voluntarias. Esta experiencia é un programa de voluntariado no que o alumnado de 5° e 6° de Primaria dedica parte dos recreos de todo o curso a ser biblioaxudantes da biblioteca escolar.

Desde o centro recoñecen “estar moi contentos” porque este programa lles axuda a ser máis responsables, xa que teñen que cumprir as súas quendas e “facer cumprir” as normas da biblioteca; fomenta a solidariedade en canto que implica a renuncia dalgúns dos seus tempos de lecer en favor dos compañeiros e ademais potencia a empatía, pois tamén axudan aos máis pequenos no uso de medios tecnolóxicos, dos escornabots e median se xurde algún tipo de conflito. O Concello de Sober felicita ao centro por este recoñecemento.

Fotos cedidas.

 

Back to top button