Diante do Centro de Saúde do Barco volvían concentrarse as 10h. deste 14 de xuño o colectivo de maie a pais que se están a mobilizar para pedir que se cubran as prazas de Pediatría en Atención Primaria no Distrito do Barco de Valdeorras. Despregaban unha pancanta coa consigna “En Valdeorras pediatrias”. E incidían en lembrar que “a día de hoxe, unha das dúas prazas vacantes de Pediatría do noso Centro de Saúde está sen cubrir, e o único pediatra en activo xubilarase no próximo outono. A partir desa data, os nosos nenos e nenas quedarán sen asistencia médica especializada. Necesitamos que se cubran as prazas de Pediatría de Atención Primaria o antes posible, e non podemos agardar a que esa situación sexa real. A colaboración de todos, unido, é imprescindible”.
Ademais a voceira do colectivo, Sandra Méndez, “pedimos que os que teñen que traballar para a situación se arranxe, que o fagan, e que non agarden a que o problema se lle veña enriba, e que este verán comencen a traballar para arranxar a situación e non atoparnos en outubro sen ningún pediatra. Sabemos que en setembro van saír os MIR e pode haber posibilidade de que poida vir algún pediatra e que teñamos a alguén aquí antes de que se xubile o que hai, para poder ter un pediatra de referencia. Son máis de 2.000 nenos”.
Ademais o colectivo ten previsto recoller na semana que vén todas as sinaturas que están nos distintos puntos do Barco e arredores e a partir de setembro, dependendo de como sexa a situación, “seguiremos organizándonos”. Levan unhas 3.500 sinaturas, “estamos moi contentos polo apoio”. Así mesmo agradecía o respaldo dos profesionais do hospital que fan un esforzo para os nenos estean ben atendidos.
A concentración contaba tamén coa asistencia de representantes do BNG (concelleiros do Barco e da Rúa), do edil do Barco de Sanidade e tamén do tenente de alcalde do Bolo. Hai que lembrar que no pleno de xuño do Barco aprobábase unha declaración institucional (dos tres grupos políticos que forman parte da Corporación: PSOE, PP e BNG) de apoio a esta demanda.
No caso do Bolo saía adiante o 31 de maio unha moción nesta mesma liña co apoio do partido socialista e de Somos O Bolo. “Estamos na concentración amosando o apoio do Concello do Bolo a esta demanda, sabemos perfectamente que non hai especialistas suficientes, pero o aquí o que se trata é de que, cando saian as prazas, Valdeorras lles resulte unha comarca atractiva aos pediatras, pero tamén ao resto de especialistas. Trátase de apoiar e de intentar conseguir que esta xente queira vir aos nosos concellos e que teña unha boa calidade de vida aquí”, dicía Miguel Ángel García, tenente de alcalde do Bolo (Somos O Bolo).
Fotos: A.R.
