O vindeiro luns día 17 abre o prazo para inscribirse nos campamentos de verán de Quiroga que este ano chegan cargados de novidades. A primeira delas, segundo anunciou a concelleira de Educación, Infancia, Igualdade, Maite Pérez Grao; é que os campamentos que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto contan cunha subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia solicitada a través do CIM.
Novidoso tamén é que para atender aos nenos participantes, un máximo de 110, contarase con oito monitores con titulación de monitor de ocio e tempo libre, ademais de contar con voluntarios e un coordinador.
Todas as actividades dos campamentos que comezarán o 1 de xullo e que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto, estarán programadas dentro dun proxecto de conciliación que incluirá tamén piscina e clases de natación.
Outra das novidades é que os campamentos empezan antes. Ás dez da mañá será a hora de entrada, para que ás 10:30 todos os participantes estean incorporados e se poidan comezar as actividades sen interrupción. A hora de remate seguirá sendo as dúas do mediodía nas piscinas municipais.
Os campamentos están abertos a todos os nenos, tanto os que viven en Quiroga como aqueles que veñen pasar as vacacións, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, aínda que en caso de necesidades concretas por conciliación poderase ampliar algún caso ata os 13 anos. Ademais este ano ábrese a nenos con necesidades especiais que terán monitores exclusivos para eles.
Os nenos interesados en participar terán ata o 27 de xuño de prazo para inscribirse na Casa da Cultura ou no Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga.
