O C.R.D.O. Ribeiro organiza unha completa xornada para celebrar a undécima edición do xa coñecido festival enomusical Ribeiro Son de Viño. O evento, que inclúe concertos de recoñecidos artistas do horizonte musical combinados con degustacións de viño, celebrarase o sábado 13 de xullo na contorna paradisiaco do Náutico de San Vicente do Mar, O Grove, Pontevedra, en horario de 12.00 a 23.00 horas.
Esta edición contará coa presenza en directo da banda muradá The Rapants e a súa música indie e garage, tamén estará o dominicano Álex Ferreira cantautor e músico de pop-rock de estilo propio. Calequi y las panteras ofrecerán o seu cóctel de estilos influenciado polo funk, afropop e ritmos latinos e tamén se poderá gozar das inquietudes con sons propios e persoais de The Limboos e entre concertos contarase con sesión de boa música de B. Willish DJ.
A xornada, que terá lugar no Bar Náutico, un recinto situado na praia da Barrosa, ofrecerá aos asistentes a oportunidade de acudir a actuacións musicais en directo mentres gozan dos viños das adegas: Adega Alanís, Adega Eduardo Peña, Eduardo Bravo, Marieta Ribeiro e Viña Costeira. O público asistente poderá adquirir o viño (por copa ou por botella) directamente nos mostradores individuais de cada unha das cinco compañías.
Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro comenta “este festival continuará como unha das grandes apostas promocionais deste Consello Regulador. Este evento, xunto con outros como a Gala de Premios que terá a semana próxima, o ciclo Cata a Arte ou a Feira do Viño do Ribeiro, son os máis apontoados e agardados polo público final de todos os impulsados polo C.R.D.O. Ribeiro”.
As entradas, cun prezo de 17€ (máis gastos de xestión), poderanse adquirir na páxina web do Náutico de San Vicente. A venda estará limitada a un total de 400 entradas e está permitido o acceso a menores acompañados.
A organización do festival anima a participar para brindar cos mellores viños pola positividade, a boa música, e por seguir gozando dun dos plans imprescindibles do verán galego.
Entradas para Ribeiro Son de Viño en:
https://nautico.entradas.plus/entradas/es/entradas-musica-11-festival-ribeiro-son-de-vino
