Esta mañá comezaban os campamentos de verán do Concello de Quiroga con máis dun cento de nenos e nenas inscritos, tanto deste municipio como rapaces que están pasando as súas vacacións na nosa vila. Os participantes eran recibidos esta mañá na Casa da Cultura polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e pola concelleira de Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, e os monitores.
Despois organizáronse as diferentes clases nas que se distribuíron os nenos e nenas dependendo da súa idade. En total cinco clases repartidas entre as instalacións da Casa da Cultura e o Centro Social.
Os campamentos este ano chegan cargados de novidades. A primeira delas é que os campamentos que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto contan cunha subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia solicitada a través do CIM. Esta subvención permite que ademais dos voluntarios se conte con mozos e mozas contratados aos que se lles esixiu titulación relacionada co traballo que van desenvolver.
Outra das novidades é que os campamentos empezan antes. Ás dez da mañá será a hora de entrada, para que ás 10:30 todos os participantes estean incorporados. A hora de remate seguirá sendo as dúas do mediodía nas piscinas municipais.
Os campamentos están abertos a todos os nenos, tanto os que viven en Quiroga como aqueles que veñen pasar as vacacións, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Fotos: Concello de Quiroga.