A problemática das colonias de gatos no Barco era un dos asuntos sobre os que se debatía na sesión plenaria que a Corporación municipal celebraba na tarde deste 4 de xullo. Era a concelleira do PP Dosinda Arias, quen lle preguntaba ao alcalde, Alfredo García, sobre as medidas de control existentes con respecto as colonias de animais, plantexando ademais que hai veciños que lle seguen dando de comer aos gatos cando isto está prohibido.
O rexedor barquense recoñecía que “os gatos xa están sendo un problema nas cidades, son moi difíciles de controlar, e o que estamos observando ultimamente no caso do Barco é que cando a alguén lle pare unha gata na finca e non quere quedarse cos gatos, nin se preocupou de castrar a gata, colle as crías e deixáas nas colonias, co cal é imposible, non o damos controlado”. Así mesmo explicaba que xa se teñen abertos expedientes sancionadores e que non é necesario que os veciños alimenten a estes animais, xa que o Concello encárgase de pagar os pienso e tamén as castracións.
Alfredo García tamén avanzaba a intención do grupo de goberno de “revisar a ordenanza de animais de compañía de cara ao outono. Imos elaborar unha ordenanza que sexa máis esixente cos donos, cos responsables dos animais. Xa hai algún Concello, e nós imos ir nesa liña, non que quen saia cun can, por exemplo, pois leva unha botella de auga cunhas pingas de lixivia para que cando mexe o can lla boten nese punto”.
A intención do grupo de goberno é, polo tanto, modificar a ordenanza actual tamén para “ver se somos quen de organizar un pouco as cousas, queda ese compromiso de que despois do Cristo nos meteremos con este tema e espero que saia unha ordenanza que sexa aprobada por uninimidade, asumiremos as propostas que fagan os grupos porque temos que seguir avanzando neste campo”.
Outra das cuestións que a oposición, neste caso o BNG, lle plantexaba ao grupo de goberno socialista cal era o motivo polo cal a protectora de animais Peludines Valdeorras, coa canceira en Rubiá pero que está constituída no Barco, non recibe axudas municipais. Era o edil Xavier Rocha quen a formulaba. Respondía a concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray asegurando que “non é verdade que se poñan en contacto con nós, nunca falaron con nós. O normel é que primeira veñan falar con nós e pedila por escrito”.
25 anos de Alfredo García na alcaldía
A sesión plenaria deste mes de xullo (na que resultaban aprobados por unanimidade puntos como a renovación de cesión gratuíta á Cruz Vermella do primeiro andar da Casa do Río Cigüeño e un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 1.958,58 euros) concluía coa intervención do rexedor Alfredo García, quen anunciaba que onte, 3 de xullo, cumpríanse 25 anos dende a súa chegada á alcaldía, que ocupa dende entón de xeito ininterrompido. Daquel equipo que empezou con el só continúa Miguel Neira, o resto foise incorporando. Neste senso, o rexedor felicitábase da súa xestión, repasaba algúns dos proxectos que consideraba máis destacados e agradecía o labor do seu equipo e persoal que pasou polo Concello nestes anos.
Fotos: O SIL.


