Transita entre o jazz, o folk, o pop e mesmo a bossa nova. Cun estilo intimista e letras propias, pero tamén que beben da tradición galega e dos poetas da terra. A singular voz de Antía Muíño abría o apartado musical do XII Ciclo De Perto, no Barco, na noite do 5 de xullo. Actuaba, acompañada pola súa banda (Miguel Arribes ao saxo e teclados, Ton Risco na percusión e Judit Almeida no contrabaixo) na beira do Sil, na praia fluvial do Malecón.
Era a segunda visita desta cantante ao Barco, tras unha primeira actuación alá polo verán 2020 cando se estreaba o ciclo Terrasón, tal e como lembraba na presentación a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, quen facía un repaso pola destacada traxectoria desta artista dende entón.
A ese mesmo concerto se refería, minutos despois, a propia cantante, que explicaba como aquel proxecto inicial, no que estaba acompañada por Miguel Arribes, foi medrando, como chegaba o seu primeiro álbume “Carta Aberta”, con composicións propias, que presentaba onte no Barco;, e como a súa “familia musical” foi medrando coa incorporación de “Ton e Judit”.
A partir de aí, a voz de Muíño, envolta nos acordes da súa guitarra e en ocasión co ritmo da pandeireta, facía un percorrido polos temas do seu disco, encandilando ao numeroso público do De Perto.
Fotos: A.R.
