A Cidade da Selva foi un conxunto de campamentos da guerrilla antifranquista instalados nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras), una zona montañosa pola que pasaron guerrilleiros míticos como Manuel Girón Bazán, Manuel Fernández Álvarez (Gafas) o Francisco López Martínez (Quico). Trátase dun dos poucos espazos á marxe do franquismo tras a Guerra Civil e estivo en pé dende 1940 ata xullo de 1946, momento no que foi destruída pola Garda Civil.
Este enclave era coñecido a través dos documentos escritos, mais non se sabía onde se atopaba ou como era. Dende 2017 un proxecto de investigación posto en marcha por Sputnik Labrego atopaba un total de 18 campamentos utilizados pola guerrilla e escavaba ata oito deles, documentando “un dos maiores conxuntos de obxectos vencellados a unha guerrilla de toda Europa Occidental”, segundo os investigadores.
Edicións Positivas vén de publicar un libro que recolle estas investigacións e que xa se pode comprar nas librerías. Ciudad de la Selva: Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio, inclúe un total de dez capítulos nos que se tocan os diversos aspectos da guerrilla antifranquista, dende a creación das paisaxes da resistencia ata a vida cotiá dos grupos guerrilleiros pasando polo papel da muller dentro destes campamentos. Ademais, conta cun capítulo escrito por unha das netas dun dos guerrilleiros de Casaio que viviron nestes campamentos no que conta a súa experiencia ao visitar as cabañas onde estivo o seu avó e que despois convertería nunha experiencia artística en Liège (Bélxica), a súa cidade de residencia actual. “Trátase dun libro coral no que tratamos de abordar todas as complexas arestas dun fenómeno cheo de grises no que a arqueoloxía ten moito que dicir”, continúa Tejerizo.
“Este libro recolle todo o que puidemos pescudar sobre esta Cidade da Selva que foi a casa dos guerrilleiros e guerrilleiras antifranquistas no peor da posguerra”, di Carlos Tejerizo, profesor da Universidade de Salamanca e director do proxecto de investigación, “trátase dun punto e aparte dun proxecto de longo percorrido e pioneiro tanto na metodoloxía como no seu enfoque”.
Nos próximos meses realizáranse diferentes presentacións do libro, comezando por unha primeira presentación en Casaio no mes de setembro.
